A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez Suárez, participa nun intercambio xuvenil que se está a celebrar na rexión italiana de Sicilia no marco do programa ‘A Xuventude no Mundo’ da Consellería de Política Social. Un grupo de 10 mozos e mozas galegos viven dende a xornada de onte esta experiencia que se prolongará ata o vindeiro xoves, día 4 de maio.
Durante a semana que dura o intercambio, que se desenvolve no termo de trece municipios do ‘Consorcio Intercomunale de Valli Joniche” da provincia de Mesina (Sicilia), os participantes coñecen a cultura, a lingua e as costumes italianas, ao tempo que interactúan con mozos e mozas italianas en distintas actividades.
Este programa de educación non formal destínase a mozos e mozas galegos de entre 18 e 30 anos e permite aos participantes coñecer outra realidade sociocultural e lingüística, diferente á que habitualmente están acostumados. O intercambio consta con aloxamento en réxime de pensión completa en cuarto de uso múltiple, transporte na cidade e actividades organizadas pola entidade de acollida. A cargo dos participantes corre o desprazamento ata o lugar, o seguro da viaxe, de accidente e de enfermidade.
Cecilia Vázquez explicou que ‘A Xuventude no Mundo’ é unha acción de mobilidade xuvenil que ten como obxectivo que os mozos e mozas de Galicia poidan desenvolver un programa de actividades de interese para a mocidade noutros países, obteñan experiencias de educación non formal no estranxeiro que faciliten a convivencia e a interacción con persoas de distintas rexións, comprendan a diversidade sociocultural, coñezan outras linguas, culturas e costumes. Así mesmo, os participantes nesta iniciativa incrementan o seu nivel de independencia e responsabilidade, venzan prexuízos, potenciando a solidariedade, o voluntariado e a tolerancia.
Dende a súa posta en marcha, no ano 2010, con este intercambio temos que un total de 562 mozos e mozas galegas levan participado no programa ‘A Xuventude no Mundo’.
A Xunta de Galicia ten como un dos seus eixos prioritarios das políticas de xuventude a promoción da mobilidade xuvenil. Unha mobilidade que se debe entender non coma a participación pasiva en meros viaxes turísticos ou vacacionais, xa que os mozos e mozas son acollidos por unha entidade xuvenil do pais de referencia e comparten un amplo programa de actividades, o que supón unha implicación activa dos mozos e mozas na vida social, cultural e educativa, da rexión á que temporalmente se van a desprazar.