A Xunta convoca as novas axudas para a posta en marcha de programas e proxectos dirixidos aos mozos e mozas galegos

27 Abr 2017

A Administración autonómica tamén abre o prazo para que as asociacións xuvenís e grupos informais de mozos e mozas presenten as súas propostas de actuación ao abeiro do programa Iniciativa Xove, que en 2017 mantén un orzamento de 545.000 euros

As temáticas dos proxectos que se poden acoller a estas ordes son, entre outras, as relacionadas co emprendemento, a promoción de hábitos saudables e prevención de condutas de risco ou violentas, a dinamización da información, a promoción de actitudes creativas e innovadoras, o fomento da inclusión social, o desenvolvemento e dinamización do medio rural; e a dinamización da lingua galega

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, deu a coñecer hoxe a nova orde de achegas destinadas a entidades locais de Galicia para a posta en marcha de iniciativas locais dirixidas á mocidade e a convocatoria da nova edición do programa Iniciativa Xove. O Diario Oficial de Galicia (DOG) de hoxe recolle a publicación destas dúas convocatorias coas que se persegue que os mozos e mozas poidan seguir participando e poñendo en marcha proxectos de interese organizados ben por por entidades ou ben eles mesmos, e nas que sexan os auténticos protagonistas.

Neste acto de presentación, que se desenvolveu nas dependencias de Xuventude en San Lázaro, a directora xeral estivo acompañada de Rocío Agra Baleato, voluntaria da Asociación EFA Piñeiral, e de Carlos Fernández Pombo, secretario da Asociación Xaquedrum, que explicaron o contido dos proxectos que levaron adiante ao abeiro da edición anterior de Iniciativa Xove. O primeiro estivo relacionado cunha acción de comercio local en Arzúa no que mozos e mozas participaron realizando tarefas de deseño de escaparates; mentres que a entidade lucense Xaquedrum realizou, entre outras actividades, unidades didácticas para animar aos máis pequenos a xogar ao xadrez.

Ao respecto da orde que rexe as subvencións a entidades locais, Cecilia Vázquez destacou o incremento dun 2,7% no orzamento respecto a convocatoria anterior ata alcanzar un total de 609.025,67 euros. As achegas económicas para solicitudes individuais pasan de 3.000 a 6.000 euros, para solicitudes conxuntas de dous concellos sube de 8.000 a 15.000 euros e no caso de proxectos de tres ou máis concellos o montante da axuda pasa de 15.000 a 22.000 euros. Deste xeito, trátase de favorecer o financiamento de proxectos presentados conxuntamente por máis dunha entidade local.

Outra novidade da convocatoria de 2017 é que se financia o cento por cen do proxecto presentado, sempre que o orzamento deste non supere o importe máximo das axudas. Ademais, co fin de garantir a viabilidade das iniciativas que finalmente resulten aprobadas, se establece o pagamento anticipado do 80% da subvención concedida.

O ano pasado, a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado financiou a través desta orde de axudas para o fomento de actividades para a xuventude no ámbito local 219 proxectos, e dende o ano 2010 subvencionáronse 1330 cun investimento superior aos 3,5 millóns de euros. As entidades locais interesadas teñen un mes de prazo para presentar as súas solicitudes a través da sede electrónica da Xunta.

En canto ao programa de participación xuvenil Iniciativa Xove, a convocatoria deste exercicio está dotada con 545.161,57 euros, a mesma cantidade que en 2016. Os proxectos que se poden subvencionar por este programa deben ter como límite 5.000 euros de gasto, financiándose o cento por cen do orzamento e con anticipos automáticos de pagamento do 80% para garantir a execución do proxecto.

Dende a súa posta en marcha no ano 2010, Iniciativa Xove facilitou un total de 1129 proxectos promovidos por entidades xuvenís e grupos informais de mozos e mozas, o que supuxo un investimento de 4,2 millóns de euros. Os mozos e mozas beneficiados directamente como promotores dos proxectos neste período de tempo foron 5645. Os grupos informais de mozos e mozas e as asociacións teñen un mes de prazo para presentar as súas propostas, o que poden facer por vía electrónica.

Cecilia Vázquez indicou que tanto na orde de axudas a entidades locais como no programa Iniciativa Xove se establecen como áreas prioritarias de actuación os proxectos relacionados co emprendemento e a empregabilidade; a promoción de hábitos saudables e prevención de condutas de risco ou violentas, así como a sensibilización contra calquera forma de discriminación; a dinamización da información; a promoción de actitudes creativas e innovadoras; o fomento da inclusión social e laboral e da accesibilidade; o desenvolvemento e dinamización do medio rural; o fomento da participación e empoderamento das mulleres; conservación e posta en valor do medio ambiente e do patrimonio cultural e natural; creación de espazos para a comunicación e novas tecnoloxías; e a dinamización da lingua galega.

http://xuventude.xunta.es/component/k2/item/11299-iniciativa-xove-2017