A Xunta aposta pola internacionalización dos mozos galegos como vía para o fomento da súa empregabilidade

26 Abr 2017

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, participou hoxe na primeira xornada de traballo do proxecto Internacionalización de xóvenes galegos (Intergal), aprobado na segunda quenda do 2016 do programa Erasmus+ cun orzamento de 199.362 euros.

O proxecto permitirá que 70 mozos e mozas realicen prácticas laborais durante 60 días en empresas de cinco países europeos: 10 en Francia, 20 en Italia, 15 en Irlanda, 12 en Portugal e 13 en República Checa entre o 2017 e 2018, cunha previsión de 40 mobilidades no segundo semestre do 2017 e 30 mobilidades no primeiro semestre do 2018.

Cecilia Vázquez sinalou que “este proxecto contribúe á mellora da empregabilidade dos mozos e mozas participantes, ao mesmo tempo que se contribúe a internacionalización e á dinamización do sector produtivo da comunidade autónoma”. “Un eixe prioritario das políticas de Xuventude desta administración é o destinado ao fomento da mobilidade xuvenil entendida como a adquisición de novas capacidades nun entorno cultural e social novo, tanto a través da formación regrada, como das prácticas profesionais e mesmo dos propios procesos de educación non formal que leva parella a participación nestes programas”, engadiu a directora xeral. Esta experiencia servirá para a posterior posta en práctica de novas ideas e novas formas de traballar nas localidades de procedencia da mocidade.

O obxectivo deste proxecto de mobilidade é apoiar a inserción laboral das persoas mozas recentemente tituladas na formación relacionada cos sectores produtivos galegos máis significativos ou con maior potencial de desenvolvemento na actualidade. Con este proxecto ofreceráselle aos participantes a posibilidade de obter unha experiencia laboral certificada e recoñecida no mercado laboral, ao mesmo tempo que coñecen o mercado laboral europeo, afianzan o dominio dun idioma estranxeiro e potencian e incrementan as súas habilidades sociais e persoais.

O proxecto terá como destinatarios a mozos e mozas procedentes da Formación Profesional recentemente titulados/as en ciclos formativos de grao medio, Formación Profesional básica ou certificados de profesionalidade niveis I, II e III, nas familias profesionais de administración e xestión, agraria, comercio e marketing, imaxe persoal, informática e comunicacións, sanidade, servizos sociais e a comunidade, téxtil, confección e pel, e transporte e mantemento de vehículos. Os beneficiarios das axudas serán seleccionados entre o alumnado do último curso dos sectores sinalados dos centros que integran o consorcio xurdido deste proxecto.

Este consorcio, coordinado pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, está formado por entidades educativas e por departamentos do goberno autonómico entre as que se atopan o IES A Pinguela de Monforte de Lemos, o IES Monte Castelo de Burela, o IES Lamas de Abade de Santiago, o IES As Mariñas de Betanzos, o IES de Curtis, o CIFP Paseo das Pontes da Coruña, a Agrupación de profesores técnicos de Ensinanza Secundaria de Automoción de Galicia, os centros de formación agroforestal dependentes da Dirección Xeral de Ordenación e Produción Forestal da Consellería do Medio Rural (Guísamo, Becerreá, Sergude, Ribadeo, Monforte de Lemos e Lourenzá); e os centros de formación ocupacional e de accións formativas dependentes da Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral da Consellería de Economía, Emprego e Industria (Bueu, Ferrol, Viveiro, Lugo, Ames, Negreira, Melide e Monforte e o Centro de novas tecnoloxías de Galicia,).

A bolsa cubrirá os gastos de aloxamento, seguro de responsabilidade civil e unha axuda para os gastos da viaxe e para os gastos de manutención.

A titular do departamento autonómico rematou a súa intervención sinalando que “unha experiencia laboral noutro país pode aportar un valor engadido á formación permanente dos mozos e mozas, á súa traxectoria profesional e proporcionarlle máis oportunidades de emprego”. Cecilia Vázquez engadiu que “as conclusións do documento Unha estratexia da Unión Europea para a xuventude: investimento e capacitación, a Comisión Europea destaca que unha das claves para o desenvolvemento persoal e a mellora da empregabilidade das persoas novas é a súa participación en programas de mobilidade”.