Galicia impulsa a innovación, a formación e o emprendemento para a crear emprego de calidade entre a mocidade

25 Abr 2017

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, participa hoxe na Coruña nunha charla-coloquio con alumnos da Escola de Relacións Laborais

Destaca que a formación ten que ser a porta ao mercado laboral debendo estar orientada cara aos novos perfís profesionais que demandan as empresas

Sinala a importancia de contar cun marco laboral estable e comprometido co traballo en igualdade, a conciliación ou a flexibilidade lembrando o esforzo da Xunta en materia de Responsabilidade Social Empresarial (RSE)

Toca apunta que ser autónomo en Galicia é hoxe máis doado grazas á Estratexia Autónomo 2020 que está executando a Administración autonómica

Pon en valor os programas e axudas do Goberno galego para facilitar a carreira investigadora dos mozos e mozas como son o Oportunius, Principia ou a Rede de aceleradoras para desenvolver proxectos de I+D+i

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, destacou hoxe na Coruña o esforzo que está a facer a Xunta para impulsar a innovación, a formación e o emprendemento para crear emprego de calidade entre a mocidade nun coloquio no que participou con alumnos da Escola de Relacións Laborais da Universidade da Coruña.

Toca sinalou que a Comunidade está a recuperar o seu crecemento grazas á iniciativa do seu tecido empresarial e ao talento das súas universidades e centros tecnolóxicos, sinalando que canta máis formación, mellor innovación e máis iniciativa emprendedora haberá e, polo tanto, máis emprego de calidade. Indicou, ao respecto, que Galicia quere diferenciarse doutros territorios polo seu nivel tecnolóxico da súa industria e, por iso, explicou a importancia de apoiar desde as administracións unha formación orientada cara aos novos perfís profesionais que demandan as empresas.

Neste senso, lembrou que o Goberno galego está a destinar este ano 86,2 millóns de euros para que os galegos e galegas teñan a oportunidade de mellorar o seu currículo laboral a través de cursos de formación para desempregados, plans específicos para o sector da automoción ou do naval e obradoiros e lanzadeiras de emprego, entre outras actuacións.

Así mesmo, a secretaria xeral de Emprego apuntou que a Xunta recoñece a experiencia profesional dos galegos e galegas e conta cunha rede formada por preto de 500 orientadores laborais para prestar asesoramento. “A formación ten que ser a porta ao mercado laboral e é a ferramenta axeitada para poder falar de emprego en termos de calidade”, engadiu.

Toca, ademais, expuxo os apoios concretos da Administración autonómica dirixidos á mocidade, a través do Sistema de Garantía Xuvenil, para que poidan atopar un posto laboral nas mellores condicións, recordando que desde 2013, o 47% dos traballadores e traballadoras que tiveron axudas da Xunta para atopar un emprego foron mozos.

A secretaria xeral de Emprego puxo en valor tamén a importancia de contar cun marco laboral estable e comprometido con dereitos como o traballo en igualdade, a conciliación laboral da vida familiar e persoal ou a flexibilidade, as bases sobre as que se asentará a Lei de emprego na que traballa a Administración autonómica. Neste ámbito, salientou os apoios do Goberno galego para impulsar a Responsabilidade Social Empresarial (RSE) entre o tecido empresarial.

Emprendemento e investigación

Con respecto ao ámbito do emprendemento, Toca afirmou que ser autónomo en Galicia é hoxe máis doado grazas á Estratexia Autónomo 2020 que a Xunta está executando e coa que se ampliará a tarifa plana de 50 euros do Estado, aumentará en 16 semanas adicionais a bonificación do 100% da cota da Seguridade Social do traballador contratado en caso de maternidade ou paternidade ou a creación do Bono Autónomo cunha contía de ata 3.000 euros para a consolidación da actividade. A Estratexia tamén inclúe a futura Oficina do autónomo, que se converterá nun espazo unificado e integral de asesoramento e consulta de acceso telemático, onde os traballadores poderán consultar toda a información sobre as axudas e procedementos administrativos que sexan do seu interese.

No ámbito rural, a Xunta conta co programa Galicia Rural Emprende que contempla axudas de ata 70.000 euros para a posta en marcha de empresas no relacionadas co ámbito agrícola.

Investigación

No eido da investigación, Toca salientou os programas Oportunius e Principia, que se desenvolven en contacto coas empresas para establecer unha conexión entre o tecido produtivo e o traballo de investigación que levan a cabo os centros tecnolóxicos e as universidades galegas. A secretaria xeral asegurou que Galicia conta con talento e, por iso, afirmou que se está a facilitar a contratación de investigadores galegos en empresas e centros de coñecemento a través dunha convocatoria de 150 prazas e estase a premiar a excelencia, convocando novos contratos para os gañadores dunha beca ERC.

Así mesmo, lembrou a Rede de aceleradoras, que o Goberno galego puxo en marcha en colaboración con multinacionais como Telefónica, PSA ou Vodafone, para desenvolver proxectos de I+D+i no eido da empresa.

Para concluír, a secretaria xeral de Emprego sinalou aos alumnos participantes na charla que canto máis cualificados sexan os profesionais dos sectores produtivos máis competitiva será a economía galega e máis poderá crecer a base empresarial galega. “Galicia atópase unha senda de crecemento e o noso obxectivo é consolidar esta tendencia porque a nosa Comunidade é unha terra de recursos e oportunidades”, rematou.