A Xunta premia a capacidade de diálogo e as habilidades oratorias da mocidade nun novo certame de Parlamento Xove

24 Abr 2017

Os equipos do IES de Becerreá na categoría de Bacharelato e o CPR Plurilingüe Sagrada Familia de Vilagarcía na modalidade de Educación Secundaria resultaron os gañadores deste certame

O tema de debate desta fase final para as dúas categorías foi “Deberíamos restrinxir o acceso a internet para aumentar eficazmente a seguridade dos/as adolescentes?”

O conselleiro José Manuel Rey Varela sinalou aos participantes que “o debate útil e produtivo é aquel que axuda a entender, a comprender e a tender pontes polos que podemos avanzar xuntos”

O equipo do IES de Becerreá na categoría de Bacharelato e o CPR Plurilingüe Sagrada Familia, de Vilagarcía de Arousa, na modalidade de Educación Secundaria Obrigatoria resultaron hoxe os gañadores da oitava edición de Parlamento Xove, competición de debate que organiza a Consellería de Política Social. Os obxectivos desta iniciativa son fomentar entre a mocidade o diálogo como ferramenta para argumentar razoadamente as ideas propias, a tolerancia e o respecto polas ideas dos demais, así como potenciar as habilidades lingüísticas dos participantes.

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, acompañado polo vicepresidente primeiro do Parlamento de Galicia, Diego Calvo Pouso, e pola directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez Suárez, asistiu á final desta competición de debate na que nesta nova edición participaron un total de 215 estudantes distribuídos 43 equipos de diferentes centros educativos de toda Galicia. Á fase final que hoxe se resolveu chegaron 16 equipos de 12 centros educativos, cun total de 80 participantes (16 profesores/as e 64 estudantes)

Rey Varela felicitou aos premiados e premiadas, así como a todos os participantes nesta edición de Parlamento Xove, e destacou o compromiso da mocidade con proxectos como este que axudan ao desenvolvemento das súas competencias e habilidades tanto sociais como académicas. Así mesmo, fixo fincapé en que esta iniciativa “constitúe un espazo de comunicación que permite a discusión sobre temas importantes para a nosa sociedade, ao tempo que propicia o desenvolvemento de valores como a capacidade de respectar a opinión dos demais e o traballo en equipo”.

Ademais, o conselleiro dixo que unha importante aprendizaxe deste acción é que “os debates non son unha confrontación, senón que deben afondar na busca de puntos en común”. Neste sentido, engadiu que “a clave dun bo debate non está soamente en falar ben, senón tamén en saber escoitar”. “O debate útil e produtivo é aquel que axuda a entender, a comprender e a tender pontes polos que podemos avanzar xuntos”, concluíu Rey Varela.

Gañadores e premios

Os equipos gañadores nas modalidades de Bacharelato e ESO recibiron como premio unha viaxe valorada en 5000 euros. Cada un dos compoñentes dos equipos que quedaron en segunda posición, que foron o Colexio La Salle, de Santiago, en Bacharelato e o Maristas A Inmaculada, de Lugo, en ESO, recibiron como agasallo unha mochila e altofalantes bluetooht.

Na categoría de ESO os oito equipos que pasaron á fase final pertencen ao IES de Becerreá, CPR Plurilingüe Sagrada Familia (Vilagarcía de Arousa), Colexio La Salle (Santiago), IES Santiago Basanta Silva (Vilalba), CPR Nosa Señora de Lourdes (A Estrada), CPR Plurilingüe Liceo La Paz (A Coruña), IES A Pinguela (Monforte de Lemos) e Maristas A Inmaculada (Lugo).

Na categoría de Bachalerato pasaron á fase final oito equipos de sete centros educativos: IES Rodeira de Cangas, con dous equipos, Colexio La Salle (Santiago), SEK Internacional School Altántico (Poio), Colexio Plurilingüe San José-FEC (Lugo), IES A Pinguela (Monforte de Lemos), IES de Becerreá e IES Castro Alobre (Vilagarcía de Arousa).

O tema dos encontros dialécticos nesta fase final para as dúas categorías foi “Deberiamos restrinxir o acceso a internet para aumentar eficazmente a seguridade dos/as adolescentes?”.

Así mesmo, no acto desta mañá tivo lugar a entrega dos premios aos mellores dossier de investigación, que consistiron nunha mochila e nunha memoria USB, ao IES Santiago Basanta Silva (Vilalba) na categoría de ESO e o IES Xulián Magariños (Negreira) na de Bacharelato.

Tamén se deron os diplomas e agasallos, que consistiron nunha mochila e nunha pulseira surphy, aos mellores oradores e oradoras da competición. Na categoría de ESO estes foron os seguintes: Sabrina Pérez López (IES A Pinguela), Jonathan Blanco Vieites (IES Xulián Magariños), Andrés Soto Sánchez (Colexio La Salle), Bruno Vila Fernández (CPR Plurilingüe Sagrada Familia) e Marcos Montaña Fernández (IES de Becerreá). E na categoría de Bacharelato recibiron cadanseu recoñecemento os estudantes Saúl Corredoira Rodríguez (Colexio Plurilingüe San José-FEC), Marta García Bouza (Colexio La Salle) e Silvia López Soto (IES de Becerreá).

Éxito de participación

Parlamento Xove é unha competición de debate na que os equipos representantes de centros educativos de toda Galicia empregan a oratoria para defender un determinado punto de vista acerca dun tema proposto pola organización. Os participantes de cada equipo –formado por catro alumnos/as e un profesor/a- analizan, escriben e debaten sobre o tema proposto, incluíndose tamén a realización dun dossier de investigación. Dende a primeira edición desta iniciativa, celebrada no ano 2010, o número de equipos participantes ascende a 261, cun total de 1337 alumnos e alumnas.

A dificultade da actividade está en que só cinco minutos antes de cada encontro dialéctico se procede ao sorteo da postura a adoptar por cada equipo, “a favor” ou “en contra”, en relación á cuestión formulada. Os equipos levaron a cabo unha labor de investigación previa e despois contrapoñen e discuten datos e ideas.

Trátase de debates de carácter argumentativo; espazos de comunicación que permiten a discusión sobre o tema proposto e gañan non os equipos que necesariamente teñan a razón, senón os que mellor sustenten as súas ideas. Durante o transcurso destes encontros dialécticos, os mozos e mozas desenvolven valores como a capacidade de respectar a opinión dos demais ou a colaboración cos compañeiros para elaborar as conclusións, e ademais fomentan a toma de conciencia no comportamento democrático.

Os obxectivos principais destes debates son: dar a coñecer e defender a postura sobre o tema proposto; dar elementos de xuízo claros na exposición; exercitar a expresión oral, a capacidade de escoitar e a participación activa, e defender as opinións con xustificación.

Parlamento Xove, como actividade na que participa o alumnado e profesorado de centros educativos, contribúe ao desenvolvemento de practicamente todas as competencias básicas como a competencia lingüística, nos seus catro ámbitos (expresión oral e escrita e comprensión oral e escrita); a competencia matemática, xa que en todos os debates manexan datos e porcentaxes que avalan a súa argumentación; o tratamento da información e a competencia dixital; a competencia social e cidadá que contribúe á convivencia dado que o traballo realízase en equipo; a competencia cultural e artística, dado que nos debates se esixe o emprego de figuras estilísticas e capacidade de retórica; e a competencia para aprender e iniciativa persoal.