A Cámara galega acolle a fase final do certame Parlamento Xove coa participación de máis de 60 estudantes

21 Abr 2017

Os debates de cuartos de final comezarán mañá venres e o sábado terán lugar as semifinais e final na sede parlamentaria

O tema a debater na fase final é “Deberiamos restrinxir o acceso a internet para aumentar eficazmente a seguridade dos/as adolescentes?

O Parlamento de Galicia acollerá este sábado, día 22, as semifinais e final da oitava edición de Parlamento Xove, competición de debate que organiza a Xunta. Un total de 16 equipos de 12 centros educativos, oito na categoría de Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) e outros oito na categoría de Bacharelato daranse cita no epílogo desta iniciativa á que asistirán o vicepresidente primeiro da Cámara autonómica, Diego Calvo Pouso, o conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela e a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez Suárez.

Así, os oito equipos que chegaron á fase final na categoría de ESO pertencen ao IES de Becerreá, CPR Plurilingüe Sagrada Familia (Vilagarcía de Arousa), Colexio La Salle (Santiago), IES Santiago Basanta Silva (Vilalba), CPR Nosa Señora de Lourdes (A Estrada), CPR Plurilingüe Liceo La Paz (A Coruña), IES A Pinguela (Monforte de Lemos) e Maristas A Inmaculada (Lugo).

Mentres que na categoría de Bachalerato participarán nas semifinais e final do certame oito equipos de sete centros educativos: IES Rodeira de Cangas, con dous equipos, Colexio La Salle (Santiago), SEK Internacional School Altántico (Poio), Colexio Plurilingüe San José-FEC (Lugo), IES A Pinguela (Monforte de Lemos), IES de Becerreá e IES Castro Alobre (Vilagarcía de Arousa).

O número de participantes en total nesta fase final é de 80 persoas, das cales 16 son profesores coordinadores de cada equipo e 64 estudantes. O tema de debate que abordarán é o mesmo para as dúas categorías: “Deberiamos restrinxir o acceso a internet para aumentar eficazmente a seguridade dos/as adolescentes?”.

Parlamento Xove é unha competición de debate na que os equipos participantes empregan a oratoria para defender un posicionamento acerca dun tema proposto pola organización. Os compoñentes de cada equipo, formado por catro alumnos e alumnas e un profesor, investigarán e debaterán sobre o tema proposto. Cinco minutos antes de cada encontro dialéctico se procede ao sorteo da postura a adoptar por cada equipo, “a favor” ou “en contra”, en relación á cuestión formulada.

O equipo gañador de Bacharelato e da categoría da ESO recibirán como premio unha viaxe valorada en 5.000 euros. Os membros dos equipos que queden en segunda posición das dúas categorías recibirán un agasallo consistente nunha mochila e altofalantes bluetooth. Tamén haberá recoñecementos e agasallos para os membros dos equipos que realizaran o mellor dossier de investigación, así como para os mellores oradores.

Parlamento Xove ten como obxectivo fomentar entre a mocidade o diálogo como ferramenta para argumentar razoadamente as ideas propias, ao tempo que se potencian habilidades individuais e en grupo, entre as que destacan o desenvolvemento da capacidade de selección de información, a expresión escrita, a expresión oral, a orixinalidade, a argumentación razoada, o traballo en equipo e a convivencia. Asemade, fomenta a lectura, a escritura, o emprego das novas tecnoloxías con fins informativos e culturais e o respecto polas ideas dos demais.

Na edición deste ano comezaron a competición 43 equipos que sumaron 215 participantes. Dende a posta en marcha de Parlamento Xove, no ano 2010, máis de 1.300 estudantes e máis de 250 centros de ensino tomaron parte desta iniciativa.