A Xunta incrementa de novo o número de prazas de ocio e tempo libre que oferta á mocidade a través da campaña de verán 2017

18 Abr 2017

A Administración autonómica oferta 9.572 prazas en campamentos e actividades para a vindeira tempada estival, 526 máis que na edición do ano pasado, cun investimento global na programación de 2,9 millóns de euros

A programación, que ten como lenda ‘O teu verán colle nunha mochila’, estruturase en seis eixes: os campamentos para menores de 18 anos, campamentos noutras comunidades autónomas, as actividades para maiores de 18 anos, a oferta concertada, os campos de traballo e as accións para mozos e mozas descendentes de galegos residentes no exterior

Rey Varela sinalou que a finalidade desta nova campaña “é que os mozos e mozas se divirtan e, ao mesmo tempo, que as actividades que se propoñen na mesma sirvan para o seu enriquecemento persoal e vital” 

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, deu a coñecer esta mañá en San Lázaro a Campaña de Verán 2017, que baixo a lenda ‘O teu verán colle nunha mochila’, pon a disposición da mocidade un amplo abano de actividades de carácter cultural, ambiental, deportivo, de ocio e tempo libre ou de voluntariado, entre outras, e todas elas coa compoñente de educación non formal. A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez Suárez, tamén participou neste acto de presentación que coincide co día en que se publican no Diario Oficial de Galicia as ordes da convocatoria da devandita programación.

Na súa intervención, o responsable da área social do Goberno galego sinalou que a finalidade desta campaña “é que os mozos e mozas se divirtan e, ao mesmo tempo, que as actividades que se propoñen sirvan para o seu enriquecemento persoal e vital”. Asemade, sinalou que a programación de verán da Xunta contribúe a facilitar a conciliación da vida familiar e laboral das familias durante a época estival. Así, a oferta total de prazas ascende a 9.572, 526 máis que en 2016, e o investimento global sitúase en 2,9 millóns de euros, un 11% máis que a anterior edición.

O conselleiro puxo o aceno no seu carácter inclusivo ao reservar máis prazas para fillos e fillas de mulleres vítimas da violencia de xénero, para menores en situación de garda ou tutela administrativa e para mozos e mozas con discapacidade. En concreto, para estas situacións hai reservadas 313 prazas, das cales 100 están a disposición da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica para menores en garda ou tutela, outras 162 destínanse a mozos e mozas con distintas capacidades a través da Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, e 51 as xestiona a Secretaría Xeral de Igualdade para nenos e nenas de nais vítimas de malos tratos.

Ademais, o conselleiro destacou outro importante aspecto positivo que trae consigo o desenvolvemento desta campaña como é a xeración de emprego no sector dos educadores de tempo libre, xa que as necesidades de contratación de monitores e directores de tempo libre suporán ao redor de 1.000 postos de traballo.

Oferta ampla e variada

A oferta da Campaña de Verán 2017 estrutúrase en seis eixes: os campamentos para menores de 18 anos, campamentos noutras Comunidades Autónomas, as actividades para maiores de 18 anos, a oferta concertada, os campos de traballo e a programación para mozos e mozas descendentes de galegos residentes no exterior. O maior investimento económico na iniciativa permite incrementar o número de prazas en case toda esta oferta.

Así, os campamentos organizados nas instalacións xuvenís galegas para mozos e mozas entre 9 e 17 anos ofertan 6.400 prazas, o que supón un aumento do 3% con respecto á convocatoria do verán pasado e dun 20% en relación a do ano 2015. Os participantes nestes campamentos realizan actividades centradas na natureza, no deporte, o voluntariado ou o tempo libre, entre outras.

En canto a campamentos noutras comunidades autónomas, a Xunta pon a disposición dos interesados 298 prazas, 90 máis que en 2016, o que supón un incremento do 40%. Ademais a oferta deste verán inclúe a País Vasco, Castela e León, Estremadura, A Rioxa, Madrid e, como novidade, Cantabria.

Os campos de traballo están encamiñados a favorecer e fomentar a convivencia, a participación, a tolerancia e a solidariedade entre a mocidade e o seu contorno a través de actividades levadas a cabo en todas as rexións de España e noutros países como Francia, Alemaña, Grecia, Italia, Corea do Sur ou Xapón. Nestes campos ofréceselles aos mozos e mozas unha alternativa de lecer e tempo libre baseada no intercambio de coñecementos e culturas, na práctica de deportes e na visita a lugares de interese turístico, histórico ou cultural. A oferta de prazas dos 28 campos de traballo situados en Galicia medrou un 25% nas últimas dúas convocatorias, ata acadar un total de 598. A estas prazas hai que sumar as 298 que se ofertan en campos no estranxeiro e noutras comunidades autónomas.

Así mesmo, a Xunta mantén o número de prazas reservadas para descendentes de galegos residentes no exterior, cun total de 230 ao abeiro do programa ‘Conecta con Galicia’ que organiza a Secretaría Xeral de Emigración e que ten como principais actividades `’Cultura e Camiño’ e ‘O mar de Galicia’. A primeira delas consiste en percorrer o Camiño francés e a Vía da prata a Santiago para coñecer o seu patrimonio histórico e cultural; e a segunda terá lugar no albergue de Gandarío e ten como finalidade que os participantes coñezan o medio mariño a través de actividades relacionadas co mar.

A programación dirixida a mozos e mozas con idades comprendidas entre 18 e 30 anos mantense intacta neste 2017 ao continuar ofertando as 240 prazas que xa se puxeron a disposición na convocatoria de 2016.

E, por último, a oferta en prazas concertadas aumenta de maneira considerable, 295 máis que na anterior campaña de verán ata alcanzar un total de 1.195, o que supón unha subida do 33%. Así mesmo, outra novidade importante e que se volve a incorporar como instalación ofertada o campamento xuvenil A Devesa, situado no municipio lucense de Ribadeo, logo das obras de remodelación e mellora levadas a cabo o ano pasado.