Galicia continúa entre as rexións máis activas en proxectos e participación no programa Erasmus+: Xuventude en Acción

12 Abr 2017

Na primeira quenda de 2017 foron aprobados na Comunidade autónoma 21 proxectos promovidos por concellos, grupos informais de mozos e mozas e asociacións xuvenís, cun orzamento superior aos 340.000 euros

Erasmus + é unha iniciativa europea que ten como finalidade o fomento da mobilidade dentro e fora dos límites da Unión Europea, a aprendizaxe non formal e o diálogo intercultural, así como o apoio da empregabilidade e inclusión da mocidade

A Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado informa de que na primeira quenda de 2017 do programa europeo Erasmus+: Xuventude en Acción aprobáronse en Galicia 21 proxectos promovidos por concellos, grupos informais de mozos e mozas e asociacións xuvenís, cun orzamento de 340.351 euros. Estes datos de participación, manteñen á Comunidade autónoma no grupo de rexións máis activas no número de iniciativas aprobadas, nos fondos recibidos da Unión Europea e na participación en accións de mobilidade e aprendizaxe non formal.

Neste sentido, cómpre lembrar que no ano 2016 no marco deste programa europeo foron aprobados un total de 42 proxectos nos que participaron ao redor de 1410 mozos e mozas, e que contaron cun orzamento de 729.914 euros. Erasmus+, programa da Unión Europea (UE) que abrangue os ámbitos da educación, a formación, a xuventude e o deporte, está en vigor dende o ano 2014 e se prolongará ata 2020. Os seus obxectivos son o fomento da mobilidade dentro e fora dos límites da UE, a aprendizaxe non formal e o diálogo intercultural e tamén apoiar a empregabilidade e a inclusión da mocidade, con independencia do contexto social, educativo ou cultural á que pertenza.

En concreto, o capítulo de Xuventude brinda apoio para que mozos e mozas adquiran habilidades esenciais para o seu desenvolvemento persoal e profesional mediante a educación non formal e informal e potencia o papel dos traballadores e das organizacións favorecendo a mobilidade e cooperación no ámbito da xuventude. Así, o programa Erasmus+: Xuventude en Acción estrutúrase en tres acción clave: mobilidade das persoas por motivos de aprendizaxe, cooperación para a innovación e o intercambio de boas prácticas, e apoio ás reformas das políticas.

No que atinxe a acción clave 1, esta diferenza dúas modalidades: a mobilidade de mozos e mozas a través de proxectos de intercambios xuvenís e Servizo Voluntariado Europeo, e a mobilidade das persoas que traballan no eido da xuventude a través de proxectos de formación e intercambios de boas prácticas. Nesta primeira quenda do 2017 neste apartado foron aprobados en Galicia 19 proxectos: trece de Servizo Voluntario Europeo, tres de intercambios xuvenís e outro máis de accións combinadas, e dous proxectos de mobilidade das persoas que traballan no eido da xuventude

Asemade, a acción clave 2; cooperación para a innovación e o intercambio de boas prácticas, financia iniciativas de asociacións estratéxicas no ámbito da educación, a formación e a xuventude. Esta acción conta polo de agora cunha proposta aprobada presentada por un concello galego.

E, por último, a terceira acción clave do programa, que se centra no apoio ás reformas das políticas, fomento do diálogo estruturado entre mozos e mozas e responsables da toma de decisións no ámbito da xuventude, presenta neste inicio de ano un proxecto aprobado en Galicia.

Os prazos de presentación de proxectos da segunda e terceira quenda do 2017 nas tres accións son o 26 de abril e o 4 de outubro. Non obstante, na acción clave 2 os proxectos de apoio á innovación so se poderán presentar na quenda do 26 de abril. Asemade, para os proxectos centralizados, os cales se deben presentar ante a Axencia Executiva do programa Erasmus+:Xuventude en Acción (Bruxelas), enmarcados na acción clave 2, a seguinte quenda de presentación remata o 1 de xullo, mentres que para eventos a gran escola de Servizo Voluntariado Europeo o prazo finaliza o 1 de abril.

O programa europeo Erasmus+ ten entre os seus obxectivos específicos mellorar o nivel de aptitudes e competencias dos mozos e mozas; promover a participación na vida democrática en Europa e no mercado de traballo, a cidadanía activa, o diálogo intercultural, a inclusión social e a solidariedade; posibilitar ás persoas que traballan no ámbito da xuventude e aos mozos e mozas maiores oportunidades de mobilidade por motivos de aprendizaxe; así como potenciar a dimensión internacional das actividades xuvenís e o papel dos traballadores e organizacións no eido da xuventude como estruturas de apoio aos mozos e mozas.

A Comisión Europea recoñece a experiencia e coñecementos adquiridos a través da educación non formal durante o desenvolvemento dos proxectos financiados por Erasmus+: Xuventude en Acción, mediante o certificado Youthpass.

Así mesmo, ao abeiro da Orde da do 26 de febreiro de 2015, da participación no programa Eramus+:Xuventude en Acción se deriva o dereito á expedición do certificado de educación non formal en materia de xuventude, certificado a través do que se lle da visibilidade á aprendizaxe non formal adquirida e se validan as competencias asumidas, contribuíndo así á mellora das posibilidades de emprego da mocidade galega.

A Xunta, a través da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, como parte integrante do Axenda Nacional Española do programa Erasmus+, leva a cabo funcións de información, asesoramento, avaliación e seguimento de todos os proxectos presentados no marco desta iniciativa en Galicia.