Bolsas de máster para a mocidade no exterior

11 Abr 2017

A Secretaría Xeral da Emigración convoca cen bolsas de excelencia para a mocidade do exterior, co fin de cursar estudos de máster que se inicien no ano 2017 nunha universidade galega.

A concesión da bolsa está condicionada á acreditación previa de estar matriculado nun máster dun mínimo de 60 créditos modalidade presencial.

Requisitos que deberán cumprirse e acreditarse no momento da presentación de solicitudes:
a) Residir no estranxeiro.
b) Estar en posesión da nacionalidade española.
c) Ser emigrante nacido en Galicia ou que residise en Galicia de forma continuada durante 10 anos con nacionalidade española antes de emigrar, así como os descendentes por consanguinidade dunha destas persoas e que nacesen no estranxeiro.
d) No caso das persoas nacidas no estranxeiro, estar vinculada a un concello galego.
e) Acreditar un mínimo de dous anos de residencia no exterior inmediatamente anteriores a data da presentación da solicitude.
f) Estar en posesión dalgún título universitario de grao, arquitecto/a, enxeñeiro/a, licenciado/a, arquitecto/a técnico, diplomado/a, enxeñeiro/a técnico ou outro expresamente declarado equivalente.
g) Ter obtido a titulación universitaria nos últimos 10 anos.

Requisito que deberá cumprirse e acreditarse con carácter previo á concesión da bolsa:
a) Estar matriculado/a no curso 2017/18 nun máster universitario oficial dos relacionados na convocatoria, dun mínimo de 60 créditos na modalidade presencial.

As solicitudes deben tramitarse obrigatoriamente en https://sede.xunta.es co procedemento PR911A
O prazo para presentar solicitudes estará aberto ata o 31 de maio de 2017.
Máis información no DOG do 11 de abril de 2017 e en http://emigracion.xunta.gal/es/bolsas-excelencia-mocidade-exterior-2017