A Xunta abre un proceso de participación para o desenvolvemento da Lei de xuventude de Galicia

10 Abr 2017

Convida a técnicos e informadores xuvenís, escolas, monitores e directores de tempo libre, asociacións xuvenís e empresas de servizos dirixidos á mocidade a que se impliquen no proceso

O novo decreto regulará os servizos de información, a formación, as actividades, as instalacións e os carnés de servizos en materia de xuventude

A Consellería de Política Social está a traballar na elaboración dunha nova normativa en materia de xuventude para responder a moitas das necesidades e demandas que existen na actualidade neste ámbito. Así, o novo decreto desenvolverá os seguintes aspectos xa contemplados na Lei de Xuventude de Galicia: a información xuvenil, a formación da mocidade, as actividades dirixidas a este colectivo, as instalacións xuvenís e os carnés de servizos para a xuventude.

Así, e co obxectivo de coñecer e contar coa opinión, inquedanzas e necesidades dos distintos axentes implicados neste ámbito, a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado abre un proceso de participación que articula a través da organización de sesións de traballo con esta temática, un espazo web como canle de información, unha caixa de correos electrónicos específica e, para recoller as conclusións, o III Foro aberto do tempo libre.

A finalidade é que a normativa que resulte sexa froito da implicación activa da cidadanía interesada e do consenso. De feito, este proceso está aberto á participación da cidadanía en xeral, e en particular, a técnicos e informadores xuvenís, escolas de tempo libre, monitores e directores de tempo libre, asociacións e entidades que presten servizos á xuventude, titulares de instalacións xuvenís ou empresas que traballan no ámbito da xuventude.

Están fixadas cinco xuntanzas, catro terán lugar neste mes de abril e a outra en maio. A primeira delas celebrarase no Espazo Xove de Ourense o día 20 deste mes e na xornada seguinte –día 21- o Edificio Administrativo de Lugo acollerá a segunda. O Edificio Administrativo de Monelos na Coruña e o edificio Torre en Vigo serán o escenario da terceira e cuarta sesión os días 24 e 25 de abril, respectivamente. A última das reunións terá lugar na Escola Galega de Administración Pública en Santiago o vindeiro 2 de maio.

O horario común a todas as xuntanzas de traballo será o seguinte: formación e actividades xuvenís, de 16:30 A 18:30 horas; e instalacións xuvenís, de 18:30 a 20:00 horas. A parte de información xuvenil abordarase nun encontro específico para esta temática.

A inscrición nas distintas xornadas deberá facerse vía web, mediante o formulario dispoñible na páxina web de Xuventude, ata tres días antes da data sinalada para cada xuntanza.