A Xunta de Galicia recoñece o traballo dos participantes no programa Deseñando o teu futuro da zona de Betanzos

07 Abr 2017

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, participou esta tarde no IES As Mariñas de Betanzos na entrega dos diplomas acreditativos aos 30 mozos e mozas participantes no proxecto promovido pola Agrupación xuvenil Brigantium no marco do programa Deseñando o teu futuro convocado pola Xunta de Galicia.

O proxecto, cun orzamento de 5.700 euros, contou coa colaboración do IES As Mariñas, a ANPA As Mariñas e a Asociación de comerciantes e empresarios de Betanzos (Asociación ACEBE). Os participantes no programa que hoxe recibiron o seu diploma acreditativo realizaron estancias-visitas de catro horas diarias de duración en empresas e entidades da zona como Cruz Vermella de Betanzos, Automóbiles Suárez Bello, S.L, Restaurante CHO Comer e Beber, Asfilain, S.L., José Manuel Sánchez Sánchez, GDR Asociación Mariña-Betanzos, Tenda Cuplé, Clínica Veterinaria Vandoncel, Arume Fotografía, Clínica Veterinaria del Plata, Centro de Fisioterapia Adrián Maceiras Maseda, Tecnopc Betanzos, S.L., Proxectos de Interiorismo Contract, S.L., Alcaz Arquitectura e Inxeñería, S.L. e Inmobiliaria Pita, S.L.

Paralelamente ás estancias-visitas, os mozos e mozas participaron en actividades formativas complementarias consistentes en catro talleres sobre o manexo das novas tecnoloxías, aptitudes na procura de emprego, coaching, e elaboración de currículum vitae.

O programa Deseñando o teu futuro é unha iniciativa piloto de educación non formal a través da cal mozos e mozas de entre 14 e 18 anos poden realizar pequenas estadías titorizadas en centros de traballo. Un proxecto de aproximación da mocidade galega ao ámbito sociolaboral coa finalidade de que se acheguen á realidade das empresas.

O obxectivo de Deseñando o teu futuro é aproximar aos mozos e mozas á realidade laboral en aquelas profesións e especialidades que eles mesmos desexen coñecer e ofrecer á xuventude unha experiencia de educación non formal, para axudalos na toma de decisión do seu futuro perfil profesional.

Cecilia Vázquez sinalou que “este programa permite que os rapaces e rapazas adquiran coñecementos e habilidades que axudan a completar o seu desenvolvemento persoal e futura formación académica e profesional, ao tempo que desenvolven a súa capacidade de traballo en equipo e a súa iniciativa”.

No marco deste programa no 2016 financiáronse 13 proxectos presentados por concellos e entidades sen ánimo de lucro, que facilitaron que un total de 351 mozos e mozas realizasen estadías visitas en empresas.

As estadías visitas en empresas tiveron unha duración mínima de cinco días e máxima de 15 días hábiles, establecéndose unha xornada mínima diaria de catro horas. O número máximo de mozos participantes por proxecto non podía exceder de 30.

A cantidade subvencionable a cada entidade e concello ou agrupación de concellos foi calculado a razón de 6 euros por participante día, para cubrir os gastos de manutención e desprazamento do mozo ou da moza e 100 euros por participante para cubrir os custos derivados da organización das estadías-visitas.
A titular do departamento autonómico rematou a súa intervención lembrando que a participación neste programa xera o dereito a expedición do certificado de experiencias de educación non formal, que permite validar as competencias e darlle visibilidade aos coñecementos, habilidades e formación derivados desa participación.
Tras a entrega de diplomas, a directora xeral, mantivo un encontro cos participantes en Correspondentes Xuvenís, para coñecer de primeira man as súas valoracións, experiencias e suxestións con respecto ao programa e así poder aplicalas en futuras edicións.