A Xunta potencia o programa de Correspondentes Xuvenís ao aumentar ata os 547 o número de mozos e mozas participantes Escoitar

03 Abr 2017

A Xunta de Galicia conta cunha ampla rede de mediadores e dinamizadores de información xuvenil nos centros educativos a través do programa Correspondentes Xuvenís 3.0 da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado. De feito, a participación nesta iniciativa foise incrementando progresivamente desde a súa implantación no curso 2013-2014, pasando de 198 a 547 correspondentes xuvenís en catro anos e, igualmente, o número de centros aumentou dos 26 que colaboraron na edición de 2013-2014 aos 86 actuais.

Os correspondentes xuvenís é alumnado voluntario de segundo ciclo da ESO, bachalerato ou ciclos medios e superiores de formación profesional, cunha idade entre 14 e 18 anos principalmente, aínda que algúns de ciclos formativos superan esta idade. Estes estudantes responsabilízanse de recoller a información en materia de xuventude enviada desde a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado e desde a Oficina Municipal de Información Xuvenil das súas localidades, así como do propio centro educativo, para difundila entre o alumnado. Para iso contan co apoio do persoal do centro coordinador de información xuvenil e co profesorado participante no programa.

En canto ás vantaxes para os correspondentes, estes reciben de maneira gratuíta formación en materia de información xuvenil, así como o carné xove, o carné internacional e o carné de alberguista durante o ano escolar no que colaboran na iniciativa. Ademais, teñen preferencia nalgúns dos programas da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado; e recoñéceselles as competencias adquiridas dentro da educación non formal mediante un certificado expedido pola Xunta.

Cómpre destacar que Correspondentes Xuvenís 3.0 permite difundir a información xuvenil facilitada pola administración entre iguais, é dicir, de estudante a estudante, o que redunda nunha mellor acollida da mesma. Asemade, este programa facilita a participación da mocidade e potencia as habilidades comunicativas e sociais, a asunción de responsabilidades e a adquisición de valores como a solidariedade, o traballo en grupo e o liderado, así como tamén a formación na xestión do manexo da información.

A Xunta de Galicia entende que a dinamización da información dentro do sistema educativo é un eixo fundamental para ter redes de información verdadeiramente operativas e para que os programas, iniciativas e accións en materia de xuventude cheguen realmente aos seus potenciais interesados.