A Xunta premia os participantes nos proxectos desenvolvidos dentro do Programa Servizo Voluntariado Xuvenil 2016

30 Mar 2017

Os proxectos, propostos por trece entidades de acción voluntaria e seis concellos da provincia de Pontevedra, centráronse nos ámbitos de xuventude, medio ambiente, igualdade, Camiño de Santiago e recuperación da cultura, as artes e as tradicións galegas
 

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, participou hoxe na sede da Delegación da Xunta na cidade viguesa no acto de entrega de diplomas ás 129 persoas voluntarias que participaron nos proxectos de carácter provincial que se desenvolveron o ano pasado no marco do programa Servizo de Voluntariado Xuvenil. Ao abeiro deste programa realizáronse 19 proxectos a cargo de trece entidades de acción voluntaria e seis concellos da provincia de Pontevedra.

A Administración autonómica achegou un total de 65.083,14 euros ao financiamento destas iniciativas, que tiveron unha duración comprendida entre os 15 e os 60 días e centráronse en accións nos ámbitos de xuventude, medio ambiente, igualdade, promoción do Camiño de Santiago e recuperación da cultura, artes e tradicións galegas. Os participantes nas mesmas foron mozos e mozas de entre 16 e 30 anos.

O programa Servizo de Voluntariado Xuvenil contou en 2016 cun orzamento total de 375.000 euros, dos que 175.000 destináronse a entidades locais e os 200.000 restantes a entidades de acción voluntaria, co obxectivo de colaborar na promoción de actividades no ámbito do voluntario e influír no desenvolvemento comunitario.

En cifras globais, referidas ao conxunto de Galicia, no programa Servizo de Voluntariado Xuvenil participaron un total de 580 persoas, 35 concellos e 50 entidades de acción voluntaria.