Xornada Xuventude e emprego. Porto do Son

20 Mar 2017

Data: 6 de abril de 2017

Esta xornada de xuventude e emprego concíbese como unha sesión práctica onde os mozos e mozas dos distintos ciclos da zona poderán coñecer distintas alternativas para o emprego; todas elas relacionadas coas súas opcións formativas.

Obxectivos concretos.
- Achegar aos mozos e mozas outras alternativas ao emprego, mais alá do emprego por conta allea.
- Espertar a iniciativa empresarial entre mozos e mozas da zona.
- Coñecer os recursos ao seu alcance para a posta en marcha dalgunha iniciativa emprendedora (viveiros de empresas, espazos de coworking, etc).
- Coñecer distintos programas de interese en materia de formación e emprego (programas de apoio ao emprendemento xuvenil da Fundación Paideia).
- Coñecer distintas liñas de axudas e premios para iniciativas emprendedores (Axudas para a promoción do emprego autónomo, axudas do Programa de Garantía Xuvenil, Premio para o Fomento da Iniciativa Empresarial de xoves emprendedores da Deputación da Coruña, etc).
- Coñecer experiencias reais a través de empresas de nova creación na zona, directamente relacionadas coas súas áreas de formación.
- Axudar na maduración de ideas empresariais de mozos e mozas da zona.

A metodoloxía da xornada basearase principalmente na exposición práctica de distintas ideas empresarias de nova creación na comarca. Dende a propia organización da xornada considérase moito máis efectivo que os mozos e mozas coñezan este tipo de cuestións a través de experiencias reais.
Neste sentido, a selección de empresas participantes levouse a cabo de maneira que estas fosen o máis representativas en base aos seguintes parámetros:
- Empresas que requiren pouca ou ningunha inversión inicial fronte a empresas que requiren unha maior inversión.
- Empresas que requiren de instalacións físicas fronte a empresas que non requiren presenza física para poder prestar servizos.
- Empresas que naceron nun viveiro de empresas.
- Empresas que se acolleron ou participaron nalgún proxecto de emprendemento ou liña de axudas, subvencións, etc.
A idea primordial é que os mozos e mozas poidan coñecer de primeira man distintas iniciativas emprendedoras con moi diversos formatos de creación e desenvolvemento. Preténdese tamén que esta xornada non se limite só a unha exposición teórica; neste sentido, as empresas participantes farán unha demostración práctica do seu traballo/servizos na que os mozos e mozas poderán participar e interactuar.

Máis información na OMIX de Porto do Son. Teléfono 981 767 589