A Xunta desenvolve unha nova edición do programa de intercambio xuvenil en albergues internacionais

20 Mar 2017

A Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, en colaboración coa Rede Española de Albergues Xuvenís, ofrece á mocidade galega a oportunidade de experimentar, vivir e colaborar como voluntarios en albergues doutros países

O obxectivo desta iniciativa é mellorar os coñecementos dos participantes, impulsando a aprendizaxe de idiomas, así como o respecto por outras culturas e formas de vida

Galicia conta con varias instalacións integradas na REAJ, como os albergues xuvenís de Gandarío (Bergondo), LUG II (Lugo), Residencia xuvenil Altamar (Pontevedra), Residencia xuvenil Florentino López Cuevillas (Ourense), As Corcerizas (Vilar de Barrio, Ourense), Os Biocos (San Xoán de Río, Ourense), Equal (Coles, Ourense), Monte do Gozo en Santiago de Compostela e Artsurfcamp en Carballo (A Coruña) 
 

Santiago, 16 de marzo de 2017.- A Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, en colaboración coa Rede Española de Albergues Xuvenís (REAJ), desenvolve por cuarto ano consecutivo o programa de intercambios xuvenís para mozos e mozas que desexen vivir e colaborar nos albergues xuvenís doutros países. O obxectivo desta iniciativa é potenciar o desenvolvemento profesional dos participantes, facilitándolles a súa formación nas distintas actividades que se realizan nestas instalacións e a adquisición dun coñecemento intercultural durante a súa estancia no país de acollida, impulsando a aprendizaxe de idiomas, así como o respecto por outras culturas e formas de vida.

O programa vai dirixido a rapaces e rapazas de 18 a 30 anos de calquera Comunidade Autónoma que posúan o carné de alberguista e teñan un coñecemento fluído do idioma principal do país de destino, ou na súa falta inglés nun nivel mínimo B1. A partir da xornada de mañá, os interesados poderán inscribirse en varios destinos e en varias datas dentro dun mesmo destino, e os que resulten seleccionados asumirán os custes de viaxe e transporte durante a súa estancia no país de acollida, contratará un seguro de viaxe e asumirá calquera outro gasto derivado da súa estancia, como roupa, agasallos, produtos de lecer etc. O albergue de destino farase cargo da comida en réxime de pensión completa e aloxamento.

A duración do programa será de entre dúas semanas a tres meses por participante, sendo a estancia media dun mes. A xornada será de 35-40 horas semanais de voluntariado nos albergues, o que equivale a 7 u 8 horas diarias durante as cales os mozos e mozas se familiarizarán coa xestión dos albergues xuvenís, a súa dinámica, funcións a desempeñar etc. As horas de voluntariado distribuiranse en cinco días á semana, segundo as quendas establecidas pola asociación de acollida e librarán dous días consecutivos.

Asemade, todos os albergues de acollida comprométense a asignar a cada mozo ou moza voluntario a un mentor que lle sirva como punto de contacto durante o programa e coopere na súa formación. Ao final do programa de intercambio, os organizadores facilitarán aos seus voluntarios unha folla de avaliación a través da cal poderán plasmar as súas experiencias e propostas para mellorar o programa en futuras edicións. Cada participante recibirá por parte dos organizadores un documento acreditativo da súa experiencia internacional nos albergues xuvenís.

Galicia conta con varias instalacións integradas na REAJ, como os albergues xuvenís de Gandarío (Bergondo), LUG II (Lugo), Residencia xuvenil Altamar (Pontevedra), Residencia xuveniñ Florentino López Cuevillas (Ourense), As Corcerizas (Vilar de Barrio, Ourense), Os Biocos (San Xoán de Río, Ourense), Equal (Coles, Ourense), Monte do Gozo en Santiago de Compostela e Artsurfcamp en Carballo (A Coruña).

Así mesmo, cómpre salientar que o proxecto sobre mocidade e conservación do medio ambiente que a Xunta realizará este verán no albergue de Gandarío foi premiado ao abeiro do programa Movic`17 da Red Española de Albergues Xuvenís, o que supón que será financiado en parte por esta rede.
Para realizar a correcta inscrición neste programa de intercambios xuvenís internacionais, cómpre completar o formulario de inscrición que se poderá atopar na páxina web de voluntariado galego.

http://www.voluntariadogalego.org/web/index.php?mod=not&ide=2891