Teatrofilia 2017 en Vedra

16 Mar 2017

A Mostra de Teatro Amador de Vedra, Teatrofilia, inaugura este venres a súa 14ª edición cunha programación formada por un total de catorce espectáculos de teatro afeccionado e unha obra profesional, que poderán verse ao longo de catro fins de semana, do 17 de marzo ao 8 de abril, no Centro Social de Vedra.

As entradas para cada un dos espectáculos poderán adquirirse a 3 euros o mesmo día da función no Centro Social de Vedra e os espectadores terán tamén a opción de facerse cun bono para toda a Mostra a un prezo de 7 euros.

A programación
- Venres 17 de marzo ás 21:15 horas Farrapo Teatro presenta ‘Frío’, un espectáculo de teatro físico e máscaras inspirado no relato de Nikolái Gógol, ‘O abrigo’.
- Sábado 18 de marzo ás 21:15 horas, ‘O de menos é o nome’, unha comedia de enredo para todos os públicos interpretada pola Agrupación Teatral Mariñán (Betanzos)
- Domingo 19 marzo ás 19:15 horas o Centro Social de Vedra acollerá ‘Noiteboa’, da compañía profesional Redrum Teatro.
- Venres 24 de marzo ás 21:15 horas, Farandoleiras Cabaré (Oleiros) ofrecerá en Vedra a súa particular visión da actualidade con ‘Pánico!’, unha comedia musical escrita e dirixida por Clara Gayo.
- Sábado 25 de marzo ás 21:15 horas, celebrarase unha sesión especial dedicada ao radioteatro da man da compañía anfitrioa, Andaravía Teatro, e do grupo de teatro de maiores do Centro Social de Vedra.
- Domingo 26 de marzo TikTak Teatro (Santiago de Compostela) pechará a segunda fin de semana de Teatrofilia, con ‘Des-enlace’, comedia que xira entorno á obsesión polo poder, escrita e dirixida por Gustavo G. Dieste.
- Venres 31 de marzo ás 21:15 horas con ‘Fuga’, unha comedia de Jordi Galceran levada a escena por Gargallada Teatro (O Barco de Valdeorras). O sábado 1 de abril ás 17: 00 horas chega un clásico de Teatrofilia, a tarde infantil, onde os nenos e nenas da Escola de San Miguel de Sarandón (Vedra) e do Grupo de Teatro da Asociación Cultural Cotomanguelo (Orazo) representarán dúas pezas de duración breve.
- Sábado 1 de abril ás 21:15 horas, a compañía Inherente Teatro (Vigo), presentará ‘Dramaturxia das mulheres’, unha comedia que reflexiona sobre as mulleres na sociedade actual.
- Domingo 2 abril ás 19:15 horas chega a Vedra ‘Misterios’, unha proposta dirixida ao público infantil da man do Aturuxo de Melpómene (Narón).
- Venres 7 de abril ás 21:15 horas a compañía GN Teatro (Santiago de Compostela) presentará ‘Cabaret Salomé’, unha versión do polémico texto de Oscar Wilde con estética cabareteira galardoada co primeiro premio no certame galego de creadores novos, Xuventude Crea.
- Sábado 8 de abril ás 21:15 horas, Debullando Teatro (Negreira) baixará o pano da décimo cuarta edición de Teatrofilia co espectáculo ‘O mordomo, of course’.

Visita teatralizada ao Pazo de Santa Cruz de Ribadulla da man de Andaravía Teatro o domingo 19 de marzo ás 16:30 horas.
Baixo o título ‘Benvido, Sr. Ilustrado’, a compañía vedresa convida os participantes a descubrir os recantos máis destacados do Pazo de Ortigueira a través dunha historia de ficción inspirada na visita que o ilustrado español Gaspar Melchor de Jovellanos realizou ao Pazo en 1811 para curarse dun catarro con leite de burra.
As entradas para a visita teñen un prezo de 5 euros e para participar é preciso inscribirse previamente a través do correo ac_papaventos@yahoo.es xa que as prazas son limitadas.

Achegamento ao teatro radiofónico
O programa deste ano inclúe como novidade unha sesión dedicada ao radioteatro co obxectivo de dar a coñecer ao público o xénero do teatro radiofónico e o proceso de creación da ficción sonora. Durante a sesión, programada para o sábado 25 de marzo ás 21:15 horas, levarase a cabo a gravación de dous textos dramáticos concibidos para o medio radiofónico que serán interpretados por dúas compañías locais.
A primeira destas pezas, titulada ‘Unha historia case real’ contará coas voces do grupo de teatro de maiores do Centro Social de Vedra, que estarán dirixidos por Lucía Abarrategui e Sergio Pascual, fundadores do Laboratorio de Radio, un proxecto que pretende achegar o medio a nenos e maiores. A continuación, o elenco de Andaravía Teatro, será o encargado de dramatizar ‘A vaquiña’, un texto de Daniel García, integrante da compañía e autor de ‘Asalto ao rexional das 11’, finalista da novena edición do Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico.

Máis información:
www.asociacionpapaventos.blogspot.com
www.facebook.com/acpapaventos