As áreas de actuación con maior nivel de presencia voluntaria foron as desenvolvidas con mozos e colectivos en situación de risco
A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, participou na Delegación Territorial da Xunta de Galicia na Coruña no acto de entrega de diplomas ás persoas voluntarias participantes nos 37 proxectos do Servizo de voluntariado xuvenil 2016 que se desenvolveron na provincia. Os proxectos, cunha duración comprendida entre 15 e 60 días, leváronse a cabo en 23 entidades de acción voluntaria e 14 concellos coruñeses, e contaron coa implicación directa de 265 voluntarias e voluntarios, con idades comprendidas entre os 16 e 30 anos.
As áreas de actuación con maior nivel de presencia voluntaria foron as desenvolvidas con mozos e colectivos en situación de risco. As actividades relacionadas co Camiño de Santiago, ambientais e de recuperación da cultura/artes e tradicións galegas foron obxecto igualmente da achega solidaria das persoas e entidades voluntarias participantes.