Alumnos de bacharelato de 15 centros educativos toman a palabra na segunda xornada clasificatoria do Parlamento Xove

13 Mar 2017

O obxectivo desta iniciativa, na que participan equipos de 37 centros educativos galegos, é fomentar o uso da palabra entre os mozos e mozas a través do enfrontamento dialéctico, desde o respecto e a tolerancia

Aos oito equipos xa clasificados da categoría da ESO, sumaranse os oito equipos que hoxe resulten clasificados e que participarán na fase final que descorrerá o día 22 de abril en Santiago no hemiciclo do Parlamento de Galicia

A competición de debate Parlamento Xove, retomou hoxe a súa actividade no Centro Residencial Docente A Coruña, onde está a ter lugar a segunda xornada clasificatoria da oitava edición deste certame da Consellería de Política Social que pretende potenciar o diálogo como ferramenta para argumentar as ideas propias entre a xuventude galega.

No día de hoxe, no que está a competir a categoría de Bacharelato, están a participar un total de 21 equipos, formados por un profesor e catro alumnos/as, de 15 centros educativos de toda a comunidade autónoma galega. Os centros que participan con un equipo son o IES A Pinguela de Monforte de Lemos, o IES Xulián Magariños de Negreira, o Colexio Plurilingüe San Xosé- FEC de Lugo, o IES Eduardo Pondal de Santiago, o IES Castro Alobre de Vilagarcía, o IES de Mugardos, o IES Pintor Colmeiro de Silleda, o IES Río Cabe de Monforte de Lemos e o IES Universidade Laboral de Culleredo. E con dous equipos participarán: o Colexio Internacional Sek-Atlántico de Poio, o IES Rodeira de Cangas, o Colexio La Salle de Santiago, o IES Laxeiro de Lalín, o IES Monte Castelo de Burela e o IES de Becerreá.

Nesta oitava edición o tema de debate para Bacharelato é: “As novatadas estudantís. Pasaron a ser un suposto de acoso entre a mocidade?”. A dificultade da actividade radica en que só cinco minutos antes de cada encontro dialéctico se procede ao sorteo da postura a adoptar por cada equipo,“a favor”ou “en contra”, en relación á cuestión formulada. Os equipos levaron a cabo unha labor de investigación previa e agora contrapoñen e discuten datos e ideas.

A fase clasificatoria da categoría da ESO descorreu o pasado sábado 4 de marzo e nela participaron un total 22 equipos de 22 centros educativos de toda Galicia. Neste caso o tema de debate foi: “En España a idade legal para mercar alcol é 18 anos. Variar este límite influiría nos hábitos de consumo de alcol entre a xuventude?”.

Na categoría Educación Secundaria Obrigatoria (ESO), os oito equipos clasificados para a fase final foron: IES de Becerreá, CPR Plurilingüe Sagrada Familia de Vilagarcía de Arousa, Colexio La Salle de Santiago, IES Santiago Basanta Silva de Vilalba, CPR Nosa Señora de Lourdes da Estrada, CPR Plurilingüe Liceo La Paz da Coruña, IES A Pinguela de Monforte de Lemos e CPR Maristas A Inmaculada de Lugo.

Xunto aos oito equipos clasificados da categoría da ESO, os oito equipos que hoxe resulten clasificados de Bacharelato, participarán na fase final que descorrerá o día 22 de abril en Santiago no hemiciclo do Parlamento de Galicia. O tema para o debate final será anunciado pola organización os vindeiros días no portal web da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.

En canto aos premios, os gañadores de cada categoría contarán cunha axuda para unha viaxe; no caso de Bacharelato de 5.000 euros e, para os alumnos da ESO, de 3.000 euros. Así mesmo, contarán cunha mención especial e cun agasallo os/as mellores oradores/as e o mellor dossier de investigación en cada unha das dúas categorías.