Consulta sobre Erasmus+

07 Mar 2017

A Comisión Europea lanzou unha consulta sobre Erasmus+ co obxecto de realizar unha avaliación intermedia do desenvolvemento do programa que permita coñecer a súa incidencia sobre a poboación á que vai dirixido, o cumprimento dos seus obxectivos e o grao de eficiencia na súa implementación. A avaliación farase sobre as actividades realizadas desde a unificación dos programas de educación da Unión Europea baixo a denominación Erasmus+, aínda que, tamén se pretende avaliar retrospectivamente os programas existentes con anterioridade como, por exemplo, Mocidade en Acción.

A consulta está dirixida ás partes interesadas (participantes, organizacións) e público en xeral para que dean as súas opinións sobre a relevancia dos obxectivos do programa e a efectividade das medidas levadas a cabo desde a súa implementación. Tamén se pregunta sobre a posibilidade de que haxa un sucesor do programa actual en 2020.

O cuestionario, que se poderá contestar en calquera idioma oficial da Unión Europea, consta de preguntas abertas e pechadas con opcións multirrespuesta e recuadros en branco para escribir textos libres expresando a opinión de cada un.

Cos resultados da enquisa e outros estudos e fontes de información, a Comisión Europea elaborará un informe dirixido ao Consello e ao Parlamento da Unión Europea.

30 anos de Erasmus+

Consulta