O formato comprende catro sesións intensivas de tres días de duración cada unha, pensadas para que os participantes poidan compatibilizar a súa vida académica e laboral coa súa participación no programa
A iniciativa terá un enfoque práctico a través da análise de realidade concretas polo que os estudos de casos, as simulacións, o traballo en grupo e as discusións abertas ocuparán a maior parte desta edición
A Xunta de Galicia pon en marcha esta fin de semana a segunda edición de Líderes de futuro, un programa de liderado e innovación social que ten como obxectivo desenvolver as competencias chave dos mozos e mozas participantes, así como facilitarlles as ferramentas conceptuais e prácticas necesarias que lles permitan enfrontarse con éxito a proxectos de innovación social na súa contorna.
Esta actividade formativa tamén busca facilitar o contacto entre mozos e mozas líderes nas nosa comunidade autónoma, construíndo así unha rede que favoreza a colaboración en proxectos de impacto social positivo entre entidades xuvenís e de acción voluntaria. Nesta edición participarán un total de 20 mozos e mozas, elixidos en función dos proxectos xuvenís ou de acción voluntaria xestionados por eles mesmos entre o 2010 e o 2016, da súa motivación e do seu currículum vitae. Todos eles teñen entre 18 e 30 anos e forman parte de asociacións inscritas no censo de entidades xuvenís ou no rexistro de acción voluntaria da Xunta de Galicia; ou, a título individual, participaron nalgún programa da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.
O programa terá un enfoque práctico a través da análise de realidade concretas polo que os estudos de casos, as simulacións, o traballo en grupo e as discusións abertas ocuparán a maior parte do tempo formativo. O formato comprende catro sesións intensivas de tres días de duración cada unha, pensadas para que os mozos e mozas poidan compatibilizar a súa vida académica e laboral coa súa participación no programa. Deste xeito, o módulo de participación e empoderamento xuvenil que comezou o venres finalizará mañá, o de innovación e emprendemento no ámbito da sociedade civil desenvolverase do 31 de marzo ao 2 de abril, a sesión sobre emprendemento e modelos de negocio disruptivos terá lugar do 5 ao 7 de maio, e o módulo de liderado social celebrase do 8 ao 10 de setembro. Todos eles, serán impartidos no albergue xuvenil de Gandarío.
Paralelamente a estas sesións intensivas, poderanse realizar actividades complementarias que fortalezan os contidos, como titorías/visitas a empresas, encontros con personalidades relevantes no ámbito político, económico ou social ou a participación en programas de mobilidade europea.
A participación no programa é gratuíta e dá dereito á expedición do certificado de experiencias de educación non formal como acreditación das competencias adquiridas. A actividade inclúe manutención e aloxamento.