A Xunta de Galicia cede a palabra á mocidade galega nunha nova edición do Parlamento Xove

06 Mar 2017

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez Suárez, participou hoxe no Centro Residencial Docente A Coruña na primeira xornada clasificatoria da competición de debate Parlamento Xove, unha iniciativa da Xunta de Galicia que pretende potenciar o diálogo como ferramenta para argumentar as ideas propias entre a mocidade galega e que este ano chega a súa oitava edición.

Está estruturado en dúas categorías diferenciadas por idades e tramo educativo: unha para alumnado de 3º e 4º de Educación Secundaria e outra para o de 1º e 2º de Bacharelato 

A titular do departamento autonómico sinalou que entre os obxectivos desta iniciativa destaca “fomentar o uso da palabra entre os mozos e mozas a través do enfrentamento dialéctico, sempre desde o respecto e a tolerancia”. “Parlamento Xove é un exercicio de convivencia, de desenvolvemento de habilidades, de busca de información, expresión oral, actitude de escoita, traballo en equipo e rapidez de réplica”, engadiu.

Trátase dunha competición de debate na que os equipos representantes de centros educativos de toda Galicia empregan a oratoria para defender un determinado posicionamento acerca dun tema proposto pola organización; os participantes de cada equipo (formado por catro alumnos e un profesor) investigarán e debaterán sobre o tema proposto, incluíndose tamén a posibilidade de realización dun dossier de investigación. Nesta edición o tema para a fase clasificatoria da categoría de ESO é: “En España a idade legal para mercar alcol é 18 anos. Variar este límite influiría nos hábitos de consumo de alcol entre a xuventude?”.

A dificultade da actividade está en que só cinco minutos antes de cada encontro dialéctico se procede ao sorteo da postura a adoptar por cada equipo,“a favor”ou “en contra”, en relación á cuestión formulada. Os equipos levaron a cabo unha labor de investigación previa e agora contrapoñen e discuten datos e ideas.

O programa Parlamento Xove está estruturado en dúas categorías diferenciadas por idades e tramo educativo: unha para alumnado de 3º e 4º de Educación Secundaria e outra para o de 1º e 2º de Bacharelato. Esta fin de semana na categoría de 3º e 4º da ESO participan un total de 22 equipos de 22 centros educativos da Comunidade Autónoma de Galicia: o IES A Pinguela de Monforte de Lemos, o CPR Maristas A Inmaculada de Lugo, o IES Río Cabe de Monforte de Lemos, o IES Santiago Basanta Silva de Vilalba, o Colexio Pais Escolapios de Monforte de Lemos, o IES Monte Castelo de Burela, o IES de Becerreá, o IES Plurilingüe Fontem Albei da Fonsagrada, o IES Xulián Magariños de Negreira, o CPR Liceo A Paz da Coruña, o IES Eduardo Pondal de Santiago, o Colexio La Salle de Santiago, o CPI Monte Caxado das Pontes, o IES de Carral, o IES Plurilingüe Pedra da Aguia de Camariñas, o CPI Cruz do Sar de Bergondo, o IES Ramón Menéndez Pidal da Coruña, o Colexio Internacional Sek-Atlántico de Poio, o CPR Plurilingüe Nosa Señora de Lourdes da Estrada, o IES Rodeira de Cangas, o CPR Plurilingüe Sagrada Familia de Vilagarcía e o Colexio Mª Inmaculada Carmelitas de Vigo.

Cecilia Vázquez sinalou que “Parlamento Xove nace dun modelo participativo, proporciónalle aos mozos e mozas ferramentas de argumentación coas que aprenden a escoitar e a debater, a actuar e falar en público”. Os debates son espazos de comunicación, de escoita, que permiten a discusión, a defensa das ideas con argumentos e medrar no emprego de ferramentas democráticas. “Os participantes desenvolven, entre outros, valores como a tolerancia, a convivencia, o respecto, o traballo en equipo”, concluíu.

A próxima fin de semana terá lugar a segunda quenda de debates coa fase clasificatoria dos equipos de 1º e 2º de Bacharelato. O tema de debate nesta especialidade é: “As novatadas estudantís. Pasaron a ser un suposto de acoso entre a mocidade?”.

Na categoría de Bacharelato participarán na fase clasificatoria o vindeiro sábado 11 de marzo, un total de 21 equipos de 15 centros educativos. Cun equipo: o IES A Pinguela de Monforte de Lemos, o IES Xulián Magariños de negreira, o Colexio Plurilingüe San Xosé- FEC de Lugo, o IES Eduardo Pondal de Santiago, o IES Castro Alobre de Vilagarcía, o IES de Mugardos, o IES Pintor Colmeiro de Silleda, o IES Río Cabe de Monforte de Lemos e o IES Universidade Laboral de Culleredo. E con dous equipos participarán: o Colexio Internacional Sek-Atlántico de Poio, o IES Rodeira de Cangas, o Colexio La Salle de Santiago, o IES Laxeiro de Lalín, o IES Monte Castelo de Burela e o IES de Becerreá.

Do total de equipos que participan nas dúas xornadas clasificatorias, 16 (oito por cada categoría) serán os que debaterán na fase final que descorrerá ao longo do mes de abril no hemiciclo do Parlamento de Galicia. O tema para o debate final será anunciado pola organización no portal web da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado. En canto aos premios, os gañadores de cada categoría contarán cunha axuda para unha viaxe; no caso de Bacharelato de 5.000 euros e, para os alumnos da ESO, de 3.000 euros.