I concurso de fotografía turística 93 destinos por descubrir da provincia da Coruña

24 Feb 2017

A Deputación Provincial da Coruña convoca o I Concurso de Fotografía Turística 93 destinos por descubrir da provincia da Coruña, co obxectivo de fomentar e dar a coñecer a oferta e riqueza turística da provincia, reflectindo os valores históricos, culturais, gastronómicos, etnográficos e paisaxísticos dos seus concellos, para que os potenciais turistas descubran lugares e recursos para planificar a súa viaxe, no marco dos 93 concellos que forman parte da provincia da Coruña.

Achegaranse as fotografías en dous formatos:
Impreso: a fotografía presentarase en papel fotográfico de 15x20 ou 20x25, pegadas sobre un cartón pluma ou outro soporte ríxido, e deberán levar no seu dorso o título da fotografía.
Dixital: presentarase unha copia do traballo en formato JPG cun mínimo de 2400x1800 píxeles e cun peso máximo de 5MB nun CD ou dispositivo USB. O nome do arquivo será o título da fotografía.
As fotografías non poderán estar asinadas, nin con ningún dato. Admitiranse fotografías en branco e negro, e en cor.
Non se admitirán fotografías manipuladas dixitalmente con ningún programa de edición fotográfica, nin que non cumpran un mínimo de calidade.
As fotografías serán presentadas nun sobre pechado en cuxo exterior conste: Premio de Fotografía Turística da Deputación da Coruña “93 DESTINOS POR DESCUBRIR” e un pseudónimo como identificador. Dentro deste sobre irán as fotografías, en papel fotográfico e en formato dixital e outro sobre pechado co pseudónimo no exterior, que conterá no seu interior os datos persoais e de contacto do participante (nome, apelidos, teléfono e/ou correo electrónico) xunto co título da obra.

O prazo para presentar obras estará aberto ata o 7 de abril de 2017
Máis información no BOP da Coruña do 24 de febreiro de 2017