A Xunta segue a estender o programa de ‘Correspondentes Universitarios’ ás facultades e campus de Galicia

14 Feb 2017

Os participantes recibirán gratuitamente formación en materia de información xuvenil, o carné xove, o carné internacional e o carné de alberguista durante o ano académico en que estean como ‘correspondentes’

Ademais, a Administración autonómica recoñecerá mediante un certificado o tempo dedicado como persoas voluntarias, así como a experiencia e competencias adquiridas a través do certificado de educación non formal en materia de xuventude

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, asinou hoxe co reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde Alonso, un convenio de colaboración para promover a difusión da información e recursos existentes en materia de xuventude entre os estudantes, a través da implantación do programa ‘Correspondentes Universitarios’ da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado. Ao acto, que se desenvolveu nas estancias do Reitorado coruñés, asistiu tamén a responsable deste departamento autonómico, Cecilia Vázquez Suárez; e a vicerreitora de Estudantes, Participación e Extensión Universitaria, Margarita Amor.

Na súa intervención, Rey Varela explicou que a finalidade deste acordo é estender ás facultades e campus galegos a ampla rede de ‘correspondentes’ de Xuventude que xa está activa nos institutos e centros de ensino das catro provincias. Así, este convenio coa Universidade da Coruña súmase ao asinado anteriormente coa Universidade de Vigo e ademais, en breve, tamén se incorporará a este programa a de Santiago de Compostela. “Queremos favorecer a participación dos mozos e mozas tanto na elaboración como na difusión da información entre os seus compañeiros de estudos, así como potenciar as súas habilidades comunicativas e capacidade de liderado”, indicou o titular de Política Social ao respecto desta iniciativa.

Pola súa banda, o reitor explicou que este convenio “permite establecer unha rede de información para difundir as accións e programas de Xuventude pero tamén recibir feedback das inquedanzas dos estudantes”. Abalde agradeceu á Consellería que estendese este programa que existe nos institutos ás universidades porque serve para “dinamizar a participación do alumnado e coñecer as súas demandas”.

Os estudantes que se adhiran ao programa deberán xestionar un punto ou taboleiro informativo con material sobre temas do seu interese facilitado pola Dirección Xeral e difundir esa información a través das redes sociais e entre compañeiros de facultade, de residencia e amizades. Así mesmo, terán que asistir ás reunións de coordinación e aos cursos de formación que se organicen dende a Administración autonómica.

Cómpre destacar que os participantes recibirán gratuitamente formación en materia de información xuvenil, o carné xove, o carné internacional e o carné de alberguista durante o ano académico no que estean como ‘correspondentes universitarios’. Ademais, recoñeceráselles mediante un certificado o tempo dedicado como persoas voluntarias, así como a experiencia e competencias adquiridas a través do certificado de educación non formal en materia de xuventude.

Tanto o reitor como o conselleiro destacaron ademais a colaboración existente entre a Universidade da Coruña e a Consellería de Política Social en iniciativas universitarias como o Programa de Mediación de Menores, “un dos mellores programas de Europa”, gabou Rey Varela, ou o apoio á Universidade Sénior da UDC que conta con máis de 850 persoas maiores de 55 anos que, en moitos casos, acceden por primeira vez á universidade nos campus da Coruña e Ferrol.