Cecilia Vázquez clausura o obradoiro 'Berrando solucións' que axudou a máis de 50 mozos e mozas a tomar conciencia sobre a diversidade

10 Feb 2017
  • Esta iniciativa enmárcase na oferta formativa que a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, a través dos centros Quérote+, pon a disposición dos concellos e entidades da comunidade autónoma galega
  • Estes centros resolveron preto de 7.000 dúbidas de mozos e mozas durante o 2016

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, clausurou hoxe o obradoiro “Berrando solucións”, unha acción formativa de 100 minutos de duración que reuniu a máis de 50 mozos e mozas de idades comprendidas entre os 14 e 17 anos do municipio coruñés da Baña.

Esta iniciativa enmárcase na oferta formativa que a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, a través dos centros Quérote+, pon a disposición dos concellos e entidades da comunidade autónoma galega, vinculado ao programa “Relaciónate” sobre a temática da convivencia entre iguais abordada dende o servizo Quérote+.

Cecilia Vázquez manifestou que “a necesidade de relacionarse de xeito positivo e satisfactorio é intrínseca ao ser humano, pero na sociedade actual atopámonos con correntes que promoven a competitividade e a individualidade, que nada ten que ver coa cooperación ou a necesidade de atopar solucións positivas na aparición de conflitos”. “Partimos da necesidade de entender que o conflito como tal non é negativo, senón que forma parte da relación das persoas na propia sociedade, polo que temos que facer fincapé na importancia de solucións globais nas que todas as partes gañen, e non aparezan sentimentos de vergoña ou derrota”, engadiu a titular autonómica.

Esta acción formativa ten como obxectivos principais tomar conciencia e aceptar a diversidade nas construcións individuais, a nivel físico, psicolóxico e social; mostrar unha visión do conflito como algo natural e inherente ao feito da diversidade humana; fomentar a empatía entre as partes involucradas no proceso do conflito e canalizar sentimentos relacionados coa violencia, tanto física como verbal; desenvolver a autoestima, asumindo a propia identidade, libre de elementos discriminatorios; desenvolver habilidades de comunicación, a expresión emocional que permitan vivir as relacións persoais de xeito satisfactorio; desenvolver estratexias persoais e colectivas para a análise e resolución de situacións que se poidan presentar dentro do marco relacional; adquirir ferramentas para a resolución de conflitos entre iguais.

A oferta formativa posta a disposición dos concellos e entidades da nosa comunidade autónoma inclúe un total de oito obradoiros: Seguro Pracer!, N-Parella; Berrando solucións, Sexprésate, Divers@s, Sacando as redes da pantalla, A Arte da sedución I-II e Redes Familiares. O prazo de solicitude está aberto ao longo de todo a ano e a día de hoxe son 35 os concellos que teñen solicitada esta acción formativa: A Baña, Catoira, Celanova, Ourol, Laxe, Becerreá, Bergondo, Soutomaior, A Pastoriza, Boiro, O Rosal, Santiso, Muros, Vigo, Trazo, Ourense, Pontecesures, Vila de Cruces, Sanxenxo, Melide, Dodro, Rairiz de Veiga, Castrelo de Miño, Pazos de Borbén, Caldas de Reis, Lalín, Portas, Baiona, Narón, Alfoz, Allariz, Xove, San Sadurniño, Viveiro e Piñor.

Durante o 2016 dentro do programa Relaciónate, os/as técnicos/as do servizo Quérote+ atenderon 243 consultas e impartiron 153 obradoiros, sumando un total de 3.716 persoas beneficiarias.

Quérote+

Os centros Quérote+ son un servizo especializado na información e o asesoramento á mocidade. No ano 2016 un total de 6.894 mozos e mozas formularon algunha dúbida sobre as temáticas coas que traballan no servizo (sexualidade e afectividade, imaxe corporal, convivencia no espazo físico e virtual, consumo de substancias). Das 6.894 consultas, 4.387 foron realizadas por mozas e 2.507 por mozos.

En función da vía pola que foron formuladas estas consultas temos: 3.337 foron presenciais, 1.547 telefónicas, 871 en liña, 1.135 por whatsapp e 4 por videochamada. Por temática, 4.138 consultas foron sobre sexualidade, 1.230 sobre enfermidades de trasmisión sexual, 243 sobre convivencia, 32 relativas as TIC`s, 28 sobre consumo de substancias, 179 relativas imaxe corporal, 571 sobre formación, 299 sobre o servizo Quérote + en xeral e 174 sobre outros temas.

Cecilia Vázquez sinalou que “o servizo de consultoría é un servizo a través do cal mozos e mozas de forma anónima e confidencial poden formulan as súas inquedanzas, curiosidades, os seus medos e preocupacións, e un equipo profesional as recolle e as atende de forma individualizada e profesional”, lembrando que “dende o 2014 os mozos e mozas teñen a súa disposición unha nova vía de acceso á información e ao asesoramento a través das aplicacións móbiles de mensaxería instantánea (whatsapp e telegram)”.

Os centros Quérote+ a parte de informar e asesorar adican unha parte do seu tempo a impartir accións formativas para a mocidade. No 2016 impartiron 514 obradoiros nos centros de ensino da comunidade autónoma galega, sumando un total de 13.123 participantes. Os mozos e as mozas recibiron obradoiros nos que coñeceron o servizo, nos que adquiriron coñecementos relacionados coas temáticas abordadas dende o servizo e que lle poden resultar de utilidade para a construción da súa identidade e o seu crecemento persoal de forma plena e satisfactoria.

A titular do departamento autonómico finalizou a súa intervención sinalando que “un ano máis, a través do servizo Quérote+ non deixamos de apostar por traballar con mozos e mozas e os axentes implicados, sexa cal sexa a súa situación e localización. Seguimos a colaborar cos concellos, centros de ensino e distintas entidades, a traballar con mozos e mozas con diversidade funcional, as súas familias e os equipos profesionais cos que están nas diferentes entidades, con mozos e mozas que teñan algunha medida xudicial e precisen unha intervención/formación específica establecida, seguimos traballando nos plans de formación profesional e impartindo prácticas profesionais nos centros, entre outras accións”.