A Dirección Xeral de Xuventude apoia o irmandamento de cidades a través do programa “Europa cos cidadáns” do concello da Laracha

03 Feb 2017
  • Ademais dos veciños laracheses, participarán nesta acción cidadáns procedentes de Malta, Italia, Letonia, Lituania e Eslovaquia
  • Esta iniciativa é unha oportunidade para fomentar a participación dos mozos na vida democrática da UE, animándolles a reflexionar sobre as características esenciais da sociedade europea, co fin de dar a coñecer as moitas oportunidades que a cidadanía europea proporciona

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, participou hoxe na presentación do proxecto de irmandamento de cidades do programa “Europa cos cidadáns”, promovido polo concello de A Laracha.

A través desta acción os veciños desta localidade, xunto aos outros 42 cidadáns procedentes de Birgu (Malta), Forza D’Agro (Italia), Ligatne Municipality (Letonia), Ukmerge (Lituania) e Obec Kiarov (Eslovaquia), poderán debater e promover a participación activa dos seus cidadáns e ao mesmo tempo, fomentar oportunidades para o compromiso social e o voluntariado no ámbito comunitario.

Esta iniciativa é unha excelente oportunidade para fomentar a participación dos mozos na vida democrática da UE, animándolles a reflexionar sobre as características esenciais da sociedade europea, co fin de dar a coñecer as moitas oportunidades que a cidadanía europea proporciona e, achegando á mocidade ás institucións europeas para garantir un forte sentido do proxecto transnacional. “Europa cos cidadáns” tamén promoverá que os mozos e mozas de A Laracha poidan ter novas oportunidades para o entendemento mutuo con outros mozos de Europa, para a promoción da solidariedade na aprendizaxe intercultural, e para fomentar o compromiso social e o voluntariado a escala europea.

A titular autonómica destacou que dende o seu departamento apóianse todas aquelas accións nas cales a mocidade poida ter unha participación activa e cívica en todas aquelas políticas, actividades e proxectos nos que os mozos e mozas de Galicia estean interesados e sexan de proveito e beneficio para o seu futuro. “Os programas europeos facilitan unha oportunidade para levar a cabo unha cooperación mutua entre asociacións de diversa índole e temática, e igualmente entre municipios de diferentes países”, declarou.

Cecilia Vázquez quixo felicitar o traballo realizado polo concello no que respecta a este programa, xa que foi un dos 4 únicos concellos de toda España que obtivo a aprobación do programa por parte da a Axencia Executiva de Educación, Audiovisual e Cultura (EACEA), dependente da Comisión Europea e responsable da xestión de determinadas partes dos programas de financiamento da UE nos ámbitos da educación, a cultura, o audiovisual, o deporte, a cidadanía e o voluntariado.


“Esperamos que o intercambio de información, de experiencias e coñecementos entre os gobernos dos respectivos municipios participantes beneficien as relacións entre os seus respectivos municipios, rexións e países para realizar nun futuro próximo novos encontros e intercambios de mozos, de estudantes, e cidadáns en xeral e así construír unha Europa cada vez máis próxima, aberta ao mundo e enriquecida pola súa diversidade cultural”, concluíu a directora xeral.

Erasmus+

No marco desta presentación, Cecilia Vázquez lembrou que Galicia, segundo os datos de participación no programa europeo Erasmus+:Xuventude en Acción, é unha das máis activas tanto no número de proxectos presentados e aprobados como nos fondos recibidos da Unión Europea. A nosa comunidade autónoma sitúase, deste xeito, no grupo das máis activas en canto á participación de mozos e mozas en programas de mobilidade e aprendizaxe non formal, sen prexuízo dos proxectos aprobados noutros países europeos e nos que organizacións e mozos e mozas galegos participan activamente. 
No ano 2016 nas tres convocatorias do programa Erasmus+: Xuventude en Acción foron aprobados en Galicia un total de 42 proxectos promovidos por entidades, asociacións xuvenís e grupos informais de mozos e mozas, sumando un orzamento de 729.914 euros e nos que participaron 1.410 mozos e mozas galegas, sen prexuízo dos proxectos aprobados noutros países europeos e nos que organizacións e mozos e mozas galegos participaron.
O programa Erasmus+: Xuventude en Acción estrutúrase en tres accións clave: mobilidade das persoas por motivos de aprendizaxe; cooperación para a innovación e o intercambio de boas prácticas; e apoio ás reformas das políticas.
Cómpre destacar que os mozos e mozas que saen ao estranxeiro cunha beca Erasmus presentan unha taxa de paro do 7%, un 23% menos que a taxa que afecta aos que non saen estudar ou traballar fóra, tal e como informa a Comisión Europea. Ademais, a experiencia internacional reduce á metade as probabilidades de que se vexan afectados polo paro de longa duración.