Cecilia Vázquez reúnese en Ourense con entidades do eido do voluntariado e a mocidade para mellorar os servizos do Espazo Xove da cidade

27 Xan 2017

A Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado pretende ofrecer á mocidade un amplo abano de recursos de educación non formal durante o ano 2017

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, mantivo esta semana en Ourense varias xuntanzas de traballo coas asociacións máis representativas da provincia no ámbito da mocidade, fomento da participación e voluntariado. Segundo explicaba hoxe a responsable desta área no Goberno autonómico “foi unha primeira toma de contacto co obxectivo de ampliar as actividades e iniciativas a realizar no Espazo Xove da Cidade das Burgas”.

Todas as asociacións coas que se reuniu a directora xeral presentan unha gran variedade en canto ás actividades que realizan e en canto aos campos de actuación sobre os que traballan e que pasan polo medioambiente, a prevención e inclusión social, voluntariado, diversidade funcional, ocio e tempo libre, emprego ou formación entre outros.

Esta toma de contacto coas asociacións máis representativas de Ourense forma parte do proceso de renovación total dos programas e das accións desenvoltas pola Dirección Xeral, e no que se quere contar coa participación dos diversos axentes sociais para establecer e ofrecer un amplo abano de recursos de educación non formal durante o ano 2017 á mocidade no que teñan cabida todos os colectivos.

Así as cousas, e segundo o acordado nestes encontros, as entidades achegarán ate o vindeiro día 3 de febreiro as súas propostas de actuación no centro e tras estudalas, priorizarase a elección daquelas que se poidan levar a cabo dun xeito máis inmediato.

No transcurso do encontro, Cecilia Vázquez, tamén propuxo a posibilidade de incluír actividades onde haxa convivencia entre persoas maiores e mocidade, para que ambas xeracións poidan nutrirse de experiencias e coñecementos mutuos, e así dar respostas interxeneracionais á sociedade ourensá.