Bota a andar unha nova edición do Parlamento Xove coa celebración de xornadas formativas en sete localidades galegas

26 Xan 2017
  • A actividade, organizada pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, está dirixida a estudantes do segundo ciclo da ESO e 1º e 2º curso de Bacharelato

A Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado organiza dende mañá venres 27 de xaneiro e ata o vindeiro 17 de febreiro a fase de formación para os equipos inscritos na oitava edición de Parlamento Xove. En total, serán sete xornadas as que se levarán a cabo nas localidades de Lugo, Vilalba, Santiago, A Coruña, Monforte, A Estrada e Pontevedra. Así o anunciaba hoxe Cecilia Vázquez ao tempo que lembraba que a actividade está dirixida ao alumnado de 3º e 4º de Educación Secundaria Obrigatoria e para o de 1º e 2º de Bacharelato.

Nesta liña, a directora xeral explicaba que na fase previa serán 48 os equipos de centros educativos galegos que participen (24 por categoría). Xa na fase clasificatoria, que terá lugar os días 4 e 11 de marzo, se coñecerán os 16 equipos (8 por categoría) que debaterán na fase final, que descorrerá no mes de abril. Cada equipo estará formado por catro alumnos e un profesor que deberán de investigar e debater sobre o tema proposto para esta edición e que para a fase clasificatoria é para a categoría de ESO será: “En España, a idade legal para mercar alcol é 18 anos. Variar este límite influiría nos hábitos de consumo de alcol entre a xuventude?”; mentres que na de Bacharelato se abordará: “As novatadas estudantís. Pasaron a ser un suposto de acoso entre a mocidade?”.

O tema para a fase final será anunciado no portal web da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado tras a finalización da fase clasificatoria. A dificultade da actividade está en que só cinco minutos antes de cada encontro dialéctico se procede ao sorteo da postura a adoptar por cada equipo, “a favor” ou “en contra”, en relación á cuestión formulada polo que os equipos participantes, que levaron a cabo unha labor de investigación previa, agora deberán contrapoñer e discutir datos e ideas.

Parlamento Xove basease nun formato de debates de carácter argumentativo; espazos de comunicación que permiten a discusión sobre un tema proposto e no que gañan aqueles que mellor sustentan as súas ideas. Durante o transcurso destes debates dialécticos, os mozos e mozas participantes teñen a oportunidade de desenvolver valores como a capacidade de respetar a opinión dos demais, a colaboración cos compañeiros para elaborar as conclusións e o fomento da toma de conciencia no comportamento democrático. Os obxectivos principais destes debates son, tal e como lembraba a directora xeral esta maña, “dar a coñecer e defender a postura sobre o tema proposto; dar elementos de xuízo claros na exposición; exercitar a expresión oral, a capacidade de escoitar e a participación activa e defender as opinións con xustificación”.


Como actividade na que participa alumnado e profesorado de centros educativos, Parlamento Xove contribúe ao desenvolvemento de practicamente todas as competencias básicas: competencia lingüística, nos seus catro ámbitos (expresión oral e escrita; e compresión oral e escrita); competencia matemática: en todos os debates manexan datos e porcentaxes que avalan a súa argumentación; tratamento da información e competencia dixital; competencia social e cidadá: contribúe á convivencia dado que o traballo realízase en equipo; competencia cultural e artística: nos debates esíxese o emprego de figuras estilísticas e capacidade de retórica, e competencia para aprender a aprender e iniciativa persoal.