A Xunta impulsa os Espazos Xoves e Residencias Xuvenís como foros de participación e empoderamento da mocidade

13 Xan 2017
  • A iniciativa permite dotar dunha programación regular e ampla de actividades estes centros distribuídos pola xeografía galega durante todo o ano con charlas e obradoiros prácticos, asesoramento de proxectos, organización de eventos de networking ou talleres para o desenvolvemento persoal e profesional da xuventude, entre outras accións
  • A responsable das políticas de Xuventude do Goberno galego explicou que con este programa “buscamos consolidar o protagonismo dos mozos e mozas en ámbitos como o asociacionismo, o voluntariado ou o emprendemento”

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez Suárez, presentou esta mañá nas dependencias de San Lázaro o programa “Enredos”, unha nova iniciativa que se pon en marcha a través da Rede Galega de Dinamización Xuvenil e da rede de Espazos Xoves e Residencias Xuvenís da Xunta de Galicia coa que se quere consolidar, impulsar e dinamizar estes centros como foros de participación e empoderamento da mocidade.

Con este obxectivo, ao longo de todo o ano 2017 estes centros acollerán unha programación estable cun amplo abano de actividades, como charlas e obradoiros prácticos no ámbito do asociacionismo e a educación non formal, organización de eventos de networking entre entidades xuvenís e de acción voluntaria, desenvolvemento de talleres para o desenvolvemento persoal e profesional dos mozos e mozas, campionatos deportivos ou accións de asesoramento e mentorización de proxectos de participación xuvenil, entre outras. Así, a programación de actividades comezará o vindeiro día 20 de xaneiro e a última será o 22 de decembro. As intervencións desenvolveranse nos doce Espazos Xoves –un venres ao mes de 17:30 a 20:30 horas- e nas tres Residencias Xuvenís –un mércores ao mes de 21:30 a 22:00 horas- que a Xunta ten distribuídas pola xeografía galega.

Cecilia Vázquez explicou que con este programa, que se pon en marcha a través da Rede Galega de Dinamización Xuvenil e da rede autonómica de espazos e residencias xuvenís, “buscamos consolidar o protagonismo dos mozos e mozas en ámbitos como o asociacionismo, o voluntariado ou o emprendemento”. Nesta liña, salientou o espírito innovador e a cada vez maior participación da xuventude galega en programas como Iniciativa Xove, Voluntariado Xuvenil, Galeuropa ou Erasmus+, apuntando que “só fai falla botar unha ollada á prensa diaria para poder comprobar que detrás de moitos dos proxectos máis innovadores nos ámbitos social, empresarial, artístico ou deportivo; atópanse os mozos e mozas da nosa comunidade autónoma”.

Ademais, a responsable das políticas en materia de xuventude do Goberno galego explicou que o que se pretende con esta nova acción “é consolidar os Espazos Xoves e Residencias Xuvenís como lugares de referencia para o tecido asociativo xuvenil e as entidades de acción voluntaria, impulsalos como polos de innovación social e captación de talento novo, transformalos en lugares inclusivos e abertos as iniciativas e inquedanzas promovidas polos mozos e mozas galegos e dinamizalos como foros de participación e empoderamento xuvenil”.

Actividades

As accións programadas están adaptadas ás características e dinámicas previas de cada un dos centros, e incluirán a difusión dos recursos que tanto os espazos como as residencias xuvenís teñen a disposición da súa contorna; o asesoramento e mentorización de proxectos de participación xuvenil; a execución de actividades no ámbito da educación non formal orientadas á adquisición por parte dos mozos e mozas de habilidades e competencias clave; a creación de espazos para o intercambio de experiencias e inquedanzas entre a xuventude, así como de espazos que favorezan o traballo en rede entre entidades xuvenís e de acción voluntaria; e actividades de lecer saudable orientadas ao fortalecemento do vínculo entre os usuarios e usuarias do centro e a súa contorna.

A programación de “Enredos” desenvolverase nos Espazos Xoves situados nas localidades de Curtis, Lalín, Noia, Pontevedra, Betanzos, Carballo, Chantada, Ourense, Tui, Vilagarcía, Vilalba e Viveiro, así como no Centro Residencias Xuvenil LUG (Lugo), Residencia Florentino L. Cuevillas (Ourense) e Residencia Altamar (Vigo).