A directora xeral de Xuventude escoita as experiencias dos mozos e mozas de Betanzos que participaron no programa Galeuropa en 2016

03 Xan 2017
  • A finalidade deste programa de mobilidade trasnacional é reforzar a empregabilidade e as competencias profesionais dos mozos e mozas, contribuíndo á mellora da súa formación mediante a adquisición de experiencia profesional para a súa incorporación ao mercado de traballo
  • Un estudo da Universidade de Santiago de Compostela sobre “Os programas de Educación non formal e a empregabilidade da Xuventude en Galicia” indica que o desemprego entre os participantes neste programa diminuíu nun 67%

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, mantivo hoxe en Betanzos unha xuntanza de traballo cunha decena de mozos e mozas que participaron ao longo de 2016 no programa de mobilidade trasnacional xuvenil Galeuropa. O encontro tivo lugar no Espazo Xove da localidade, e nel participaron rapaces e rapazas procedentes de toda a comarca.Esta iniciativa ten como obxectivo recoller as súas conclusións á hora de participar nos diferentes programas, co fin de coñecer as súas suxestións, queixas ou dúbidas para recollelas e así poder mellorar as prestacións dos recursos que a Dirección Xeral programa para os mozos e mozas de Galicia. Cecilia Vázquez explicou na xuntanza que “esta reunión forma parte das accións de participación da mocidade nos temas do seu interese, xa que consideramos prioritario que tomen parte activa e se impliquen ao máximo nos plans de futuro e no desenvolvemento da programación desta administración”.
Ao longo do encontro, Cecilia Vázquez destacou que no estudo da Universidade de Santiago de Compostela sobre “Os programas de Educación non formal e a empregabilidade da Xuventude en Galicia”, o desemprego entre os participantes neste programa diminuíu nun 67%. O estudo destaca que antes das prácticas, un 70,4% dos participantes estaba no paro, cifra que se reduciu posteriormente ata o 23,4%.
Ademais, a directora xeral tamén sinalou que este mesmo estudo conclúe que o grao de satisfacción dos participantes en edicións anteriores é do 80% e ante a pregunta de se recomendarían Galeuropa aos seus amigos as respostas afirmativas foron do 92%.
Galeuropa ten por obxecto a concesión de axudas para proxectos de mobilidade de mozos e mozas para a realización de prácticas formativas non remuneradas en entidades ou empresas públicas ou privadas de 31 países europeos. A contía da axuda por beneficiario está en función do país de realización da práctica formativa e en función da duración da mesma e inclúe os gastos de aloxamento, manutención e viaxe. Os beneficiarios poden obter un anticipo do 80%.
As prácticas formativas teñen unha duración de entre dous e catro meses e está previsto que este ano participen neste programa 361 mozos e mozas menores de 30 anos inscritos no ficheiro do Sistema Nacional de Garantía Xuvenil no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.
A finalidade deste programa de mobilidade trasnacional xuvenil é a de reforzar a empregabilidade e as competencias profesionais dos mozos e mozas, contribuíndo á mellora da súa formación mediante a adquisición de experiencia profesional para a súa incorporación ao mercado de traballo, ao tempo que se apoia a adquisición de competencias en idiomas estranxeiros.
Galeuropa enmárcase dentro do Programa Operativo de Emprego Xuvenil cofinanciado pola Iniciativa de Emprego Xuvenil e o Fondo Social Europeo e en 2016 estivo dotada con 2.034.074,76 euros (999.765,72 euros en 2015).