O proxecto "Internacionalización de jóvenes gallegos" da Consellería de Política Social recibe o respaldo da Unión Europea e obtén preto de 200.000 euros para o seu desenvolvemento

20 Dec 2016

O obxectivo deste proxecto de mobilidade é apoiar a inserción laboral das persoas mozas recén tituladas na formación relacionada cos sectores produtivos galegos máis significativos ou máis potencial de desenvolvemento actualmente

Os beneficiarios das axudas serán seleccionados entre o alumnado do último curso dos sectores sinalados dos centros que integran o consorcio xurdido deste proxecto

O proxecto “Internacionalización de jóvenes gallegos” (INTERGAL) coordinado pola Consellería de Política Social a través da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, vén de ser aprobado no segunda quenda do 2016 do programa Erasmus+, acción clave 1 (KA 102) -mobilidade das persoas por motivos de aprendizaxe-.

O proxecto, cun orzamento de 199.362 euros, permitirá que 70 mozos e mozas realicen prácticas laborais durante 60 días en empresas de cinco países europeos: Francia, Italia, Irlanda, Portugal e Reino Unido entre o 2017 e 2018. Terá como destinatarios a xóvenes de Formación Profesional recén titulados/as en ciclos formativos de grao medio, Formación Profesional básica ou Certificados de Profesionalidade niveis I, II e III, nas familias profesionais de administración e xestión, agraria, comercio e marketing, imaxe persoal, informática e comunicacións, sanidade, servizos sociais e a comunidade, téxtil, confección e pel, e transporte e mantemento de vehículos. A bolsa cubrirá os gastos de aloxamento, seguro de responsabilidade civil, unha axuda para os gastos da viaxe e para os gastos de manutención.

O obxectivo deste proxecto de mobilidade é apoiar a inserción laboral das persoas mozas recén tituladas na formación relacionada cos sectores produtivos galegos máis significativos ou máis potencial de desenvolvemento actualmente. Con este proxecto ofreceráselle aos mozos e mozas participantes a posibilidade de obter unha experiencia laboral certificada e recoñecida no mercado laboral, ao mesmo tempo que coñecen o mercado laboral europeo, afianzan o dominio dun idioma estranxeiro e potencian e incrementan as súas habilidades sociais e persoais.

Os beneficiarios das axudas serán seleccionados entre o alumnado do último curso dos sectores sinalados dos centros que integran o consorcio xurdido deste proxecto. O dito consorcio, coordinado pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, está formado por entidades educativas e por departamentos do goberno autonómico: o IES A Pinguela de Monforte de Lemos, o IES Monte Castelo de Burela, o IES Lamas de Abade de Santiago, o IES As Mariñas de Betanzos, o IES de Curtis, o CIFP Paseo das Pontes da Coruña, a Agrupación de profesores técnicos de Ensinanza Secundaria de Automoción de Galicia, os centros de formación agroforestal dependentes da Dirección Xeral de Ordenación e Produción Forestal da Consellería do Medio Rural (Guísamo, Becerreá, Sergude, Ribadeo, Monforte de Lemos e Lourenzá); e os centros de formación ocupacional e de accións formativas dependentes da Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral da Consellería de Economía, Emprego e Industria (Bueu, Ferrol, Viveiro, Lugo, Centro de novas tecnoloxías de Galicia, Ames, Negreira, Melide e Monforte).