Qué se lles ofrece aos voluntarios e ás voluntarias?
- Un proxecto sempre de dimensión social, na procura da mellora ambiental do noso contorno, da convivencia entre as persoas, dun mellor desenvolvemento e integración das persoas con discapacidades, dun maior coñecemento da nosa cultura e a nosa realidade.
- Un equipo humano que os/as acollerá e lles axudará a levar a cabo o traballo programado e a dinamización do campo.
- Os medios materiais necesarios para desenvolveren as tarefas específicas de cada campo.
- Un programa con actividades de convivencia, de animación, de lecer e tempo libre.
- Aloxamento e manutención durante todos os días que dure a actividade.
- Un seguro de accidentes e responsabilidade civil
Que se lles demanda aos voluntarios e ás voluntarias?
- Traballar desinteresadamente os días e horas estipuladas no proxecto que se vai desenvolver.
- Colaborar e participar no desenvolvemento da programación das actividades de animación.
- Contribuír á organización xeral do campo (tarefas de limpeza, cociña, administración, etc...).
- Respectar as distintas crenzas, ideoloxías e diferenzas persoais de todos/as os/as participantes do campo.
- Permanecer no campo durante o período programado.
- Respectar as normas de réxime interior e de convivencia propias do campo, que serán, entre outras, as seguintes:
- Aceptar as indicacións das persoas responsables da actividade.
- Cumprir os horarios en xeral.
- Non utilizar vehículos particulares durante o tempo de duración do campo.
- Non consumir bebidas alcohólicas.
- Non se admitirán persoas alleas ao campo.
Os voluntarios, co seu asinamento, amosarán a súa conformidade con estas normas no momento de facer a inscrición.
Inscrición e reserva de praza:
O prazo para a reserva das prazas comezará o día 25 de abril. As inscricións faranse na Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado chamando aos teléfonos 981 544 838, 981 957 115 e 981 544 840. Tamén se poderán facer nos servizos de Xuventude e Voluntariado e oficinas locais das xefaturas territoriais da Consellería de Traballo e Benestar, persoalmente ou por teléfono en horario de 09.00 a 14.00 h de luns a venres. (Pincha aquí para ver os teléfonos).
- As prazas en campos de traballo no estranxeiro poderanse solicitar, mentres existan vacantes, ata o 11 de maio (inclusive).
- As prazas en campos de traballo nas comunidades autónomas poderanse solicitar, mentres existan vacantes, ata o 16 de maio (inclusive).
- As prazas nos campos de traballo en Galicia, mentres existan vacantes, poderanse solicitar ata tres días antes do inicio da actividade.
Durante os cinco primeiros días do prazo de inscrición, o voluntario ou voluntaria só se poderá inscribir nun campo de traballo, ou só poderá figurar nunha lista de espera, no caso de que non obtivese praza no campo que lle interesa. En cada chamada telefónica poderá reservar dúas prazas.
2ª Convocatoria:
De calquera xeito, e con posterioridade a estas datas, o programa de servizo voluntario en campos de traballo contempla a convocatoria dunha nova oferta xeneralizada de prazas (2ª convocatoria), na que se incluirían todas aquelas prazas que estean vacantes nos campos de traballo de todas as comunidades autónomas e do estranxeiro (os campos con prazas libres poderán ser os mesmos que os ofertados inicialmente ou novos).
- O prazo para solicitar as prazas para os campos de traballo no estranxeiro comezará a partir do 21 de maio e rematará o 25 de maio (todas aquelas persoas que se inscribiran na lista de espera dun campo de traballo recibirán no seu correo electrónico, dous días antes, o arquivo de prazas vacantes e as instrucións para facer a solicitude).
- O prazo para solicitar as prazas para os campos de traballo noutras comunidades autónoma comezará o 25 de maio. O procedemento de inscrición será o mesmo que para a 1ª convocatoria. Aconséllase estar pendente do portal da D. X. de Xuventude e Voluntariado onde se irán actualizando periodicamente os listados de prazas e campos de traballo ou consultar nos teléfonos da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado.
Cota:
A participación nos campos de traballo en Galicia e no estranxeiro ten un custo para os/as participantes de setenta e dous euros (72,00 €). No resto de Comunidades Autónomas consultar prezos para cada Comunidade no cadro de oferta de prazas. Esta cota inclúe os gastos de manutención, aloxamento e mais os derivados das propias actividades dos campos (como materiais e algunhas actividades complementarias) así como un seguro médico. A viaxe (ida e volta) ata o lugar da actividade será por conta do voluntario ou da voluntaria.
Nos campos de traballo de Galicia os voluntarios e as voluntarias que pertenzan a familias numerosas terán un desconto do 25% da cota, e os/as que posúan o carné xove dun 10%, que en ningún caso serán acumulables.
Existen algúns campos do Servizo do Voluntariado Internacional que, pola súa temática, acceso, localización, aloxamento ou calquera outra peculiaridade especial, teñen un custo adicional deberá ser satisfeito á chegada ao campo (ver cadro de oferta de prazas).
Cómpre ter en conta, á hora de facer o pagamento, que cada comunidade autónoma e, nalgún caso, cada campo de traballo da mesma comunidade, ten o seu propio número de conta bancaria onde facer o ingreso da cota, algunhas comunidades incluso teñen impreso de pagamento propio. Todo isto háselles indicar aos voluntarios e ás voluntarias no momento de faceren a reserva da praza.
Devolución de cota
No caso de que o voluntario ou voluntaria efectuase o pagamento da cota de participación nun campo de traballo e por calquera motivo non puidese asistir, deberá saber que a DEVOLUCIÓN da cota nas comunidades autónomas estará suxeita ás condicións que cada unha estableza ao respecto.
Para os campos de traballo en Galicia e no estranxeiro só procederá a devolución da cota cando por causas non imputables ao interesado ou á interesada o servizo non se preste ou cando a administración anule a actividade. (Pincha aquí para descargar o impreso de devolución de cota)
Particularidades:
1. Campos de traballo no estranxeiro:
As prazas nos campos de traballo no estranxeiro enténdense sempre como reservadas provisionalmente, xa que os voluntarios e voluntarias inscritos/as non se poderán considerar admitidos/as mentres as asociacións organizadoras dos campos non llelo confirmen por escrito a través do INJUVE, a pesar do cal deberán cumprir os trámites (entrega de documentación) e prazos (pago da cota) esixidos nesta convocatoria.
Non esquecer que existen campos con requisitos especiais (carta de motivación, idioma, certificado de boa conduta e cota adicional).
É moi importante que os voluntarios e voluntarias inscritos/as nos campos de traballo no estranxeiro cubran debidamente a solicitude de admisión, isto é: nome e enderezo completo (nome e apelidos, rúa, núm., piso, código postal, vila, concello, provincia), enderezo de correo electrónico (dato obrigatorio), código, nome do campo no que se inscribe e as datas de realización. Recoméndaselle aos/as participantes que fagan a tarxeta sanitaria europea se viaxan a países cos que España ten convenio.
2. Campos de traballo noutras comunidades:
Ver cadro de oferta de prazas de cada comunidade.
|