SOLICITUDES
IDADES
Os participantes deben ter a idade requirida para o campamento que se solicita. En canto as idades mínima e máxima para poder participar na Campaña de Verán 2012, cómpre destacar:
- Os nacidos no ano 1994 non poderán cumprir 18 anos antes da finalización do campamento.
- Os nacidos no ano 2003 deberán ter cumpridos 9 anos ao inicio do campamento.
- O incumprimento destas normas dará lugar a inadmisión da solicitude.
- Ningún participante poderá ser admitido en máis dun campamento por ano.
TIPOS DE SOLICITUDES
- Individual
- Múltiple (para o suposto de 2, 3 e ata 4 irmáns que pidan a mesma instalación e quenda e cumpran os requisitos de idade esixidos).
PRESENTACIÓN DE SOLICITUDES
- Vía escrita (utilizando o modelo oficial Anexo II A no caso de solicitude individual ou o Anexo II B se a solicitude e múltiple).
- Vía telemática. Os solicitantes deberán posuír un certificado dixital baixo a norma X.509.V3 expedido pola Fábrica Nacional de Moeda e Timbre, Real Casa da Moeda ou DNI electrónico.
Poderá accederse a esta vía de presentación a través da aplicación informática establecida no enderezo da internet: http://www.xunta.es/servizos ou a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, no enderezo https://sede.xunta.es
CUMPRIMENTACIÓN DA SOLICITUDE
- Cada mozo ou moza só poderá cubrir unha solicitude elixindo, por orde de prioridade, un máximo de cinco quendas ou actividades. (Cada quenda ou actividade vai identificada cun código).
- Os datos do solicitante debe ser os da moza ou mozo que opta a participar nas actividades. No caso de solicitudes múltiples deberán cubrir os datos de todos/as os irmáns/irmás que soliciten a súa participación.
- As solicitudes deberanas asinar os pais/nais ou titores/as dos/as nenos/as solicitantes.
- Se o/a solicitante é galego/a non residente en Galicia, na súa solicitude debe figurar para as comunicacións, un enderezo nesta comunidade autónoma.
- A duplicidade dunha solicitude dará lugar a inadmisión de ambas, quedando o/a solicitante fóra do sorteo.
LUGARES DE PRESENTACIÓN DE SOLICITUDES E DOCUMENTACIÓN
- Rexistro da Consellería de Traballo e Benestar, sito no edificio administrativo da Xunta de Galicia, en Santiago de Compostela, nos rexistros das xefaturas territoriais da Consellería de Traballo e Benestar ou por calquera dos medios establecidos no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
- Os que presenten a súa solicitude a través do procedemento do portelo único dos concellos ou por correo ordinario deberán remitir, unha vez rexistrada, unha copia da mesma por fax ao número 981 54 58 43.
Se a solicitude se presenta por correo, será necesaria a súa presentación en sobre aberto para que na oficina de correos correspondente se faga constar o selo e a data antes de proceder ó seu envío postal.
Non serán admitidas aquelas solicitudes presentadas unicamente por fax.
PRAZOS
| Presentación de solicitudes |
Desde o día 6 ao 20 de marzo. |
| Comprobación da recepción da solicitude |
A partir do 2 de abril (enlace na páxina web www.xuventude.net onde deberá incluírse o número do DNI do pai/nai/titor/a que cubriu a instancia así como a data de caducidade dese DNI) |
| Emenda erros solicitudes |
Se os/as interesados/as atopan algún erro nos datos da solicitude ou non a atopan, deben chamar antes do día 16 de abril a calquera dos números de teléfono que aparecen no Anexo IV. |
| Sorteo público ante notario |
O día 18 de abril ás 12 horas na sala de prensa da Consellería de Traballo e Benestar, no edificio administrativo de San Lázaro. A comunicación do resultado para os/as participantes seleccionados/as levarase a cabo vía SMS e correo electrónico ao número de teléfono e conta de correo especificados na solicitude. |
| Presentación documentación dos participantes seleccionados |
Do 20 de abril ao 3 de maio |
| Chamadas aos participantes en listas de espera |
Dende o 21 de maio
|
| Adxudicación das prazas en resultas |
A partir do 4 de xuño |
ADXUDICACIÓNS
COBERTURA DAS PRAZAS
Mediante sorteo ante notario/a cubriranse as prazas nas distintas actividades que se especifican no Anexo I.
LISTA DE ESPERA
As vacantes que se produzan por non presentar a documentación ou por presentala fóra do prazo serán ofrecidas desde o día 21 de maio aos solicitantes que figuren nas listas de espera correspondentes.
Contactarase cos/as suplentes mediante chamada telefónica. Realizaranse 3 chamadas entre as 9:00 e 14:00 horas que quedarán rexistradas para a súa constancia. De non contactar co interesado/a, este/a será dado/a de baixa e procederase a chamar ao/á seguinte na lista de espera. Unha vez aceptada a praza, deberán presentar a documentación nun prazo de 48 horas.
No caso de non presentar a mencionada documentación no prazo indicado, a praza será ofertada ao seguinte da lista de espera.
RESULTAS
As prazas que non se cubrisen polos procedementos de adxudicación expostos anteriormente serán ofertadas a partir do 4 de xuño. Estas prazas estarán expostas na páxina web www.xuventude.net no apartado “resultas”.
Poderá solicitar as prazas vacantes toda persoa que cumpra o requisito do ano de nacemento. A reserva das prazas farase mediante chamada telefónica aos Servizos de Xuventude e Voluntariado das xefaturas territoriais da Consellería de Traballo e Benestar ou a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, en horario de 9:00 a 14:00 horas, en días laborables, agás os sábados.
Cada persoa só poderá facer a reserva, como máximo de catro prazas para catro participantes.
DOCUMENTACIÓN A PRESENTAR POLOS/AS PARTICIPANTES SELECCIONADOS/AS
- Xustificante de pagamento.
- Fotocopia do DNI do/a solicitante ou folla correspondente do libro de familia, no caso de que o/a pai/nai ou representante legal do/a menor non autorice expresamente a comprobación dos datos por medio do acceso telemático ao sistema de verificación de datos de identidade.
- Fotocopia do documento de afiliación á Seguridade Social ou seguro médico privado.
- Cuestionario médico-sanitario (anexo III)
- Declaración responsable de que sabe nadar.
- Fotocopia compulsada do título de familia numerosa, de ser o caso.
- Fotocopia do Carné Xove, de ser o caso.
DESCONTOS NOS PREZOS
- 50% ós membros de familia numerosa, presentando unha fotocopia compulsada do título de familia numerosa vixente.
- 25% ós/ás usuarios/as de Carné Xove, presentando unha fotocopia do Carné Xove vixente.
Os descontos citados en ningún caso serán acumulables.
DEVOLUCIÓN DE COTAS
Para ter dereito á devolución é necesario comunicar a renuncia á praza por escrito mediante modelo normalizado (Anexo V) e polo menos 20 días naturais antes do inicio da actividade.
No caso de renuncia a unha praza concedida e posterior solicitude e adxudicación doutra en resultas, se a renuncia á primeira praza non se comunicou coa antelación de 20 días antes sinalados, terá que aboarse o importe íntegro da segunda praza, sen que se compense co prezo aboado pola primeira.
Todas aquelas solicitudes de devolución de cotas que non sexan presentadas tal e como se reflexa no apartado anterior, serán denegadas independentemente da causa xustificativa que se alegue.
INCORPORACIÓN AOS CAMPAMENTOS E ALBERGUES
A incorporación aos campamentos e albergues de Galicia será por conta do interesado o día de inicio da quenda correspondente, entre as 16:00 e as 19:00 horas. Non se admitirá ningún/ha participante despois deste límite.
Nas actividades que se leven a cabo noutras comunidades autónomas, será por conta do/a interesado/a o traslado desde o seu domicilio ata Santiago de Compostela, tanto o día de saída para a actividade como o día de chegada desta.
No suposto de abandono da actividade ou expulsión da/o participante, será responsabilidade dos/as pais/nais ou titores/as legais o traslado para o regreso ao seu domicilio, así como os gastos que se ocasionen.
OBRIGAS DOS/AS ADXUDICATARIOS/AS
- A incorporarse á actividade e regresar polos medios e nos prazos establecidos.
- A non abandonar a actividade sen o permiso do/a seu/súa responsable. En todo caso, o abandono da actividade antes da súa finalización requirirá a personación dos/as pais/nais ou titores/as, e será responsabilidade destes/as o traslado para o regreso ao seu domicilio, así como os gastos que se ocasionen.
- A respectar as normas establecidas polos equipos de animación, as normas de réxime interior das respectivas instalacións e, en xeral, as establecidas pola lexislación vixente na materia.
- A praza é intransferible
|