Oferta concertada Acción de Verán

A Consellería de Política Social é consciente de que as asociacións xuvenís e as entidades que desenvolven actividades para a xuventude non sempre dispoñen dos medios e instalacións axeitadas para a execución do seu traballo. En consecuencia, co obxecto de facilitar á mocidade o acceso a instalacións xuvenís para o desenvolvemento de programas de lecer e tempo libre, sen ánimo de lucro, regula baixo a denominación de oferta concertada o réxime de utilización das súas instalacións xuvenís durante a Campaña de verán 2017.

A través da Oferta Concertada, a Consellería Política Social oferta o uso de instalacións xuvenís durante o período comprendido entre o 15 de xuño e o 30 de setembro.

OBXECTO

A través da Oferta Concertada, a Consellería de Política Social oferta o uso de instalacións xuvenís durante o período comprendido entre o 15 de xuño e o 30 de setembro.

SERVIZOS OFERTADOS E DURACIÓN DAS QUENDAS

O uso das instalacións suporá dispoñer:

  • Dos servizos de auga, gas, electricidade e alimentación en réxime de pensión completa.
  • Do material (excepto o correspondente ás actividades que a entidade ou grupo vaia desenvolver na instalación) que, no caso dos campamentos, comprende tamén as tendas de campaña, os colchóns e as mantas.
  • Xerencia e persoal de servizo.

A duración das quendas e instalacións ofertadas serán as recollidas no anexo I (GALEGO / CASTELÁN )

O primeiro servizo de alimentación será a comida do día da incorporación e o último, o almorzo do día seguinte ao último día de estancia concedido.

ENTIDADES E GRUPOS DESTINATARIOS

Poderán solicitar o uso das instalacións de referencia:

  1. As asociacións xuvenís, as entidades prestadoras de servizos á xuventude e as escolas de tempo libre, debidamente constituídas e legalizadas.
  2. Os consellos locais e municipais de Xuventude.
  3. As corporacións locais.
  4. Outras entidades públicas ou privadas que realicen actividades coa xuventude.
  5. Os grupos de mozas e mozos galegos non asociados que organicen actividades de tempo libre sen ánimo de lucro e, en todo caso, para os efectos de realización dun programa de actividades para un mínimo de 15 persoas. Unha persoa integrante do grupo asumirá o papel de representante deste e, como tal, será responsable do cumprimento das obrigas que, como beneficiario, lle corresponda. Será necesario que o grupo teña unha denominación que o identifique.

SOLICITUDE

a) Solicitudes presentadas por Entidades Locais, outras entidades, asociacións e escolas de tempo libre:

As solicitudes, deberán presentarse unicamente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario/a e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

b) Solicitudes presentadas por grupos de mozos/as non asociados/as:

As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario/a e clave Chave365 ( https://sede.xunta.gal/chave365).

Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos nos artigos 14.1 e 16.4. da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Xunto coa solicitude deberá achegarse a copia do DNI ou NIE da persoa representante da entidade ou grupo solicitante, no caso de que non se autorice expresamente a comprobación de datos por medio do acceso electrónico ao sistema de verificación de datos de identidade do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas.

No número de prazas solicitadas, incluiranse as correspondentes ás persoas integrantes do equipo de animación no caso de que a instalación se solicite para o desenvolvemento de actividades de tempo libre. Así mesmo, incluiranse as persoas que acompañen aos mozos e mozas en calidade de responsables destes, ou outro persoal que vaia estar na instalación durante o período solicitado.

Anexo II procedemento BS304A (GALEGO / CASTELÁN )

PRAZO DE PRESENTACIÓN DE SOLICITUDES

O prazo de presentación de solicitudes será de 15 días naturais, que comezará a contar partir do día seguinte ao da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia.

CRITERIOS DE ADXUDICACIÓN

• ORDE DE PREFERENCIA

Para a adxudicación do uso das instalacións ofertadas establécese a seguinte orde de preferencia:

1. Asociacións xuvenís, entidades prestadoras de servizos á xuventude e escolas de tempo libre domiciliadas na Comunidade Autónoma de Galicia e inscritas no correspondente censo ou rexistro dependente da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.

2. Os consellos locais e municipais de xuventude galegos

3. As corporacións locais galegas

4. Os grupos de mozas e mozos galegos non asociados que organicen actividades de tempo libre sen ánimo de lucro e, en todo caso, para os efectos de realización dun programa de actividades para un mínimo de 15 persoas

5. Outras entidades públicas ou privadas, domiciliadas na Comunidade Autónoma de Galicia, que o soliciten con fins asistenciais.

6. Asociacións xuvenís, entidades prestadoras de servizos á xuventude, escolas de tempo libre, entidades que realicen actividades coa xuventude e grupos de mozos e mozas, domiciliados noutras comunidades autónomas.

• PRIORIDADE

Pola súa banda, dentro do previsto no parágrafo anterior, terán prioridade:

A. As que soliciten un maior número de prazas ou de días ata o tope máximo de cada instalación fixado no anexo I.

B. As solicitudes das entidades que cubran as prazas por convocatoria aberta e non reservadas exclusivamente ás persoas asociadas ou membros.

C. As entidades que non dispuxeron de prazas en réxime de oferta concertada durante a campaña de verán, no último ano (ou, no caso de empate, nos dous últimos anos), agás que tiveran renunciado a prazas concedidas, en cuxo caso se atenderá ao previsto no último parágrafo deste apartado.

D. As que subvencionen o total ou parte da cota que teñen que pagar as persoas participantes

As entidades que en anos anteriores non fixeron uso das instalacións unha vez adxudicadas, sen presentar unha causa xustificada no seu momento, pasarán a ocupar o último lugar dentro dos criterios de prioridade descritos nos puntos anteriores.

• RENUNCIAS

No caso de que algunha entidade renuncie ás prazas adxudicadas, estas quedarán dispoñibles para calquera solicitante que as demande e cumpra os requisitos esixidos no apartado "entidades e grupos destinatarios".

As renuncias serán sempre respecto do total das prazas adxudicadas e deberán formalizarse mediante correo electrónico no seguinte enderezo: ofertaconcertada.benestar@xunta.gal.

As entidades que, aínda que remitisen o anexo II dentro do prazo, non resultasen adxudicatarias, poderán realizar novas solicitudes das prazas sobrantes a través do enderezo electrónico arriba indicado e terán prioridade (durante 10 días a partir da publicación da lista de resultas) respecto doutros/as solicitantes que as demanden por primeira vez. No caso de que unha vez adxudicadas as prazas conforme aos artigos precedentes quedasen prazas sobrantes, estas poranse a disposición de calquera entidade ou grupo interesado que cumpra os requisitos, mediante a apertura dun novo período de solicitudes en fase de resultas. As prazas dispoñibles nesta fase de resultas serán publicadas na páxina web de xuventude (www.xuventude.xunta.es).

INSTRUCIÓN E RESOLUCIÓN

• INSTRUCIÓN

As solicitudes presentadas serán examinadas por unha comisión de valoración constituída para o efecto e que estará integrada por:

- A persoa titular da xefatura do Servizo de Actividades para a Xuventude, que a presidirá.

- As persoas titulares das xefaturas dos servizos de Xuventude e Voluntariado das xefaturas territoriais da Consellería de Política Social ou a persoa funcionaria en quen deleguen.

- Unha persoa funcionaria da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado designada polo/a director/a xeral, que actuará como secretario/a.

• RESOLUCIÓN

Esta comisión, unha vez valoradas as solicitudes conforme os criterios mencionados anteriormente, presentaralle unha proposta de resolución á persoa titular da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, que deberá ditar a correspondente resolución no prazo de 10 días.

A resolución seralles notificada a todos/as entidades ou grupos solicitantes no prazo máximo de dous meses, que comezará a contar desde a publicación da orde no Diario Oficial de Galicia.

As notificacións practicaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos.

As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de Notificación Electrónica de Galicia - Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta a disposición das notificacións ao dispositivo electrónico e/ou ao enderezo de correo electrónico que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento no que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida polo interesado, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta a disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

Unha vez transcorrido o dito prazo sen que recaia resolución expresa, a petición correspondente deberá entenderse desestimada. As resolucións expresas ou presuntas que se diten ao abeiro da presente orde poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano que as ditou, no prazo dun mes contado a partir da notificación da resolución, se esta fose expresa, ou de tres meses a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde a súa notificación, se esta fose expresa, ou seis meses a partir do día seguinte ao que se produza o acto presunto.

A antedita resolución publicarase nos taboleiros de anuncios da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado e das Xefaturas Territoriais da Consellería de Política Social.

RESERVA DE PRAZAS E PRIMEIRO PAGAMENTO

1. Unha vez recibida a resolución, os/as beneficiarios/as están obrigados/as, no prazo de 10 días:

  • A ingresar, en concepto de reserva de prazas, o 25% do importe correspondente ás prazas adxudicadas. A dita cantidade non será reintegrable, nin descontable no seguinte pagamento, no caso de que decaese a adxudicación realizada por incumprimento das obrigas expresadas neste artigo, se a entidade adxudicataria anulase a reserva de utilización da instalación, reducise o número de persoas usuarias previstas ou os días de uso solicitado.
  • A presentar, no Servizo de Xuventude, Participación e Voluntariado da Xefatura Territorial da Consellería de Política Social correspondente á provincia na que estea a instalación adxudicada, a seguinte documentación:

a) Breve proxecto de actividades que se van realizar

b) Acreditación da persoa que subscribiu a solicitude como representante da entidade ou grupo solicitante

c) Xustificante do aboamento do 25% expresado anteriormente

2. Se transcorrido o prazo de 10 días desde a notificación da adxudicación non se cumprisen os requisitos anteriores, declararase expresamente, a través da resolución oportuna, o incumprimento das condicións da resolución de adxudicación e as prazas adxudicadas quedarán a disposición dos/as demais solicitantes, conforme ao procedemento do apartado RENUNCIAS.

AUTORIZACIÓN DE USO TEMPORAL E SEGUNDO PAGAMENTO

Unha vez transcorridos 15 días desde a finalización do prazo establecido anteriormente, a entidade beneficiaria deberá formalizar o documento de aceptación das condicións particulares de uso da instalación e aboar o 75% do importe correspondente ás prazas que confirme. A dita cantidade ou a parte proporcional non será reintegrable se o número de persoas usuarias ao inicio da actividade é menor ao confirmado, ou se o número de días é, así mesmo, inferior ao confirmado.

O documento de aceptación das condicións particulares de uso e o xustificante do segundo ingreso presentaranse no Servizo de Xuventude, Participación e Voluntariado da Xefatura Territorial da Consellería de Política Social da provincia na que estea a instalación adxudicada.

Así mesmo, presentarán a relación das persoas responsables que dirixan a actividade e a acreditación das titulacións esixidas en materia de tempo libre, tendo en conta o disposto no artigo 47 do Decreto 50/2000, do 20 de xaneiro, polo que se refunde e actualiza a normativa vixente en materia de xuventude (DOG núm. 49 do 10.03.2000) no caso de que a instalación se solicite para o desenvolvemento dun programa de actividades de tempo libre.

Nos 5 días anteriores ao comezo da ocupación deberá presentarse, no Servizo de Xuventude, e Voluntariado da Xefatura territorial, a relación de persoas usuarias das prazas adxudicadas.

Unha vez cumpridas as condicións anteriores, a xefatura territorial correspondente da Consellería de Política Social facilitaralle á entidade beneficiaria o documento de autorización de uso temporal da instalación.

Se transcorridos os diferentes prazos non se fixesen os pagamentos procederase de acordo ao apartado 2 de “Reserva de prazas e primeiro pagamento”

OBRIGAS DOS BENEFICIARIOS

Os/as adxudicatarios/as estarán obrigados/as a:

1. Cumprir os requisitos esixidos no Decreto 50/2000, do 20 de xaneiro, polo que se refunde e actualiza a normativa en materia de xuventude (DOG núm. 49 do 10.03.2000), modificado polo Decreto 58/2012, do 12 de xaneiro (DOG núm. 25 do 06.02.2012) de adaptación á Directiva 2006/123/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de decembro de 2006, relativa aos servizos de mercado interior e demais lexislación vixente.

2. Observar as normas de réxime interno da instalación da que sexan adxudicatarios/as e as indicacións da persoa responsable desta no referente a aqueles aspectos non recollidos expresamente nas citadas normas.

3. Responder dos actos que se realicen nas instalacións concedidas e das consecuencias que deles se deriven, así como de toda responsabilidade civil derivada de calquera acto. As actividades que desenvolva o grupo non teñen a consideración de actividades propias da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, polo que os riscos, accidentes e danos derivados das actividades que desenvolva a entidade ou grupo serán responsabilidade exclusiva da devandita entidade ou do grupo adxudicatario.

4. Aboar o importe dos danos que se produzan no material e nos equipamentos da instalación durante o período de uso desta.

5. No caso de que queiran utilizar as piscinas da instalación adxudicada, cada entidade deberá dispor do seu propio persoal de socorrismo.

TARIFAS

Osprezos dos servizos ofertados nesta orde aparecen recollidos no anexo I da orde do 1 de abril de 2016 pola que se fixan os prezos privados correspondentes á prestación de servizos nas instalacións xuvenís e á expedición de carnés dirixidos á mocidade, xestionados pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.(DOG nº 67, do venres 8 de abril do 2016).

Aqueles grupos que figuren inscritos no rexistro da Consellería de Política Social como entidades prestadoras de servizos sociais, gozarán dun desconto do 50% sobre os prezos sinalados no apartado anterior.

As asociacións xuvenís e as entidades prestadoras de servizos á xuventude, domiciliadas na Comunidade Autónoma galega e inscritas no correspondente censo ou rexistro dependente da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, terán, así mesmo, un desconto do 50% sobre os prezos sinalados neste punto.

O aboamento dos diferentes pagamentos regulados nesta orde efectuarase utilizando os impresos destinados para o efecto, que se atoparán a disposición das persoas interesadas na Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado ou en calquera Xefatura Territorial da Consellería de Política Social.

PROTECCIÓN DE DATOS

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta orde, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídas nun ficheiro denominado “Actividades dirixidas á cidadanía” cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Política Social. O dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Política Social, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio administrativo de San Caetano, 15781 Santiago de Compostela, A Coruña, ou a través dun correo electrónico a: sxt.politicasocial@xunta.gal.