Condicións xerais Acción de Verán

SERVIZOS OFERTADOS

A participación na oferta da Campaña de verán 2022 realizarase mediante a inscrición individual ou múltiple (para o suposto de ata catro persoas irmás).

As persoas participantes disporán dos seguintes servizos:

a) Un programa de actividades de carácter sociocultural, recreativo, formativo e convivencial, que posibilite a participación da persoa moza.

b) O aloxamento en albergue xuvenil, residencia xuvenil ou campamento xuvenil.

c) A manutención en réxime de pensión completa.

d) O material necesario para a actividade.

e) Un equipo técnico de persoal especializado en animación sociocultural e actividades de tempo libre e actividades náuticas, de ser o caso. Así mesmo, e para o caso das persoas con necesidades especiais que por razón da súa discapacidade precisen apoio, disporase de persoal que conte con formación e experiencia para atender as súas necesidades.

f) Atención sanitaria de primeiros auxilios e seguro de accidentes.

g) O transporte desde Santiago de Compostela, ou lugar que se sinale como punto de saída, ata o lugar de destino, así como o retorno ata Santiago de Compostela, no caso de intercambios noutras comunidades autónomas.

 

PARTICIPANTES

Poden solicitar praza nas actividades ofertadas as persoas mozas residentes en Galicia.

Para ser admitido/a no campamento será necesario non padecer enfermidade transmisible con risco de contaxio.

Para os campamentos que inclúan na súa programación actividades acuáticas, é requisito saber nadar, sen prexuízo do sinalado para as persoas con discapacidade.

Ningunha persoa participante poderá ser admitida en máis dun campamento nesta convocatoria. A praza adxudicada será intransferible.

 

IDADES

Poden solicitar a participación nas actividades ofertadas as persoas nacidas no ano sinalado para cada actividade no anexo I da orde reguladora.

En canto ás idades mínima e máxima, para poder participar na Campaña de Verán 2022, cómpre destacar:

- As persoas nacidas no ano 2013 deberán ter feitos os 9 anos ao inicio do campamento

- As persoas nacidas no ano 2004 non poderán facer os 18 anos antes da finalización do campamento.

 

PERSOAS CON DISCAPACIDADE

As persoas que teñan unha discapacidade igual ou superior ao 33 % deberán facer constar esta circunstancia no apartado que figura no seu anexo de solicitude, co fin de planificar os apoios persoais necesarios, se os precisase.

Para facilitar a seleccións das actividades e instalacións máis axeitadas ás condicións das persoas solicitantes, a programación de actividades e as características das instalacións de cada campamento poderanse consultar neste enlace

En función do tipo de discapacidade, poderá exceptuarse, de ser o caso, o requisito de saber nadar.

As persoas solicitantes con discapacidade deben optar, de conformidade co sinalado no apartado TIPOS DE SOLICITUDES E FORMA DE PRESENTACIÓN, por unha destas dúas vías: polo procedemento xeral ou polo procedemento das prazas reservadas para inclusión, de xeito que quedarán excluídas no suposto de que presenten a solicitude por ambos procedementos.

 

MENORES EN SITUACIÓN DE TUTELA OU GARDA ADMINISTRATIVA

As persoas menores en situación de tutela ou garda pola Administración e que se atopen en acollemento residencial, poderán participar nesta convocatoria e deberán indicar esta condición no anexo de solicitude, marcando o recadro correspondente.

 

NORMAS DE PARTICIPACIÓN

O incumprimento dos requisitos sinalados para todas as persoas solicitantes impedirá a súa participación no campamento.

 

TIPOS DE SOLICITUDES E FORMA DE PRESENTACIÓN

A solicitude pode ser individual ou múltiple.

 

SOLICITUDE INDIVIDUAL

- Procedemento xeral

As persoas que presenten unha solicitude individual de prazas deben utilizar o formulario que se incorpora como anexo II, correspondente ao procedemento xeral (procedemento BS303A).

As persoas con discapacidade que presenten a súa solicitude individual a través do procedemento xeral poderán elixir as actividades detalladas no Anexo I A da orde, campamentos que se desenvolven en Galicia, excluíndose, polo tanto, os intercambios para campamentos noutras comunidades autónomas relacionados no anexo I C.

- Procedemento de prazas reservadas para inclusión de persoas con discapacidade
As persoas con discapacidade que opten polo procedemento das prazas reservadas para inclusión relacionadas no anexo I B, deben utilizar o formulario que se incorpora como anexo IV (procedemento BS303G).

SOLICITUDE MÚLTIPLE

A solicitude múltiple admitirase para o suposto de dous/dúas, tres e ata catro irmáns/ás, tanto no procedemento xeral como no de inclusión. Poderán incluírse na solicitude múltiple as persoas menores que convivan no domicilio en situación de acollemento familiar, equiparándose a súa situación á de persoas irmáns.

Esta solicitude múltiple só se poderá empregar no caso de persoas que pidan idéntica instalación, quenda e actividade (mesmo código). Todas as persoas interesadas que figuren nunha mesma solicitude deben cumprir os requisitos de idade esixidos para as instalacións e quendas solicitadas.

Cando se trate dunha persoa sen discapacidade que teña irmáns/ás con discapacidade e queiran presentar unha solicitude conxunta, so o poderán facer polo procedemento xeral, para as actividades doanexo I A, campamentos que se desenvolven en Galicia, excluíndose, polo tanto, os campamentos que teñen lugar noutras Comunidades Autónomas relacionados no anexo I C. En ningún caso unha persoa sen discapacidade poderá ocupar unha praza das reservadas para inclusión.

O incumprimento do disposto nesta alínea por unha das persoas participantes, suporá a exclusión de todas as que figuren nesa mesma solicitude.

- Procedemento xeral:

As persoas que presenten unha solicitude múltiple deben empregar o formulario que se incorpora como anexo III, correspondente ao procedemento xeral (procedemento BS303F).

As persoas con discapacidade que presenten a súa solicitude múltiple a través do procedemento xeral, poderán elixir as actividades detalladas no Anexo I A da orde, campamentos que se desenvolven en Galicia, excluíndose, polo tanto, os intercambios para campamentos noutras comunidades autónomas relacionados no Anexo I C).

- Procedemento de prazas reservadas para inclusión de persoas con discapacidade:

As persoas con discapacidade que opten polo procedemento das prazas reservadas para inclusión relacionadas no anexo I B deben utilizar o formulario que se incorpora como anexo V (procedemento BS303H).

 

PRESENTACIÓN DE SOLICITUDES

As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario/a e clave Chave365(https://sede.xunta.gal/chave365).

Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

No caso de enviarse por correo, o envío deberá ser certificado, co selo de correos na primeira folla do formulario para garantir que a data de remisión é anterior ao peche da convocatoria.


COMO CUBRIR A SOLICITUDE

Os anexos de solicitude deben ser cubertos de acordo coas seguintes normas:


a) Cada persoa moza só poderá cubrir unha solicitude e elixirá, por orde de prioridade, un máximo de cinco quendas ou actividades. Cada quenda ou actividade vai identificada cun código no anexo I da orde reguladora (alíneas A, B e C).

b) Os datos da persoa solicitante deben ser os da moza ou mozo que opta a participar nas actividades. No caso de solicitudes múltiples deberán cubrirse os datos de todas as persoas irmás que soliciten a súa participación.

c) As solicitudes deberanas asinar as persoas proxenitoras ou titoras das persoas menores solicitantes.

d) As persoas solicitantes deben residir na Comunidade Autónoma de Galicia e, polo tanto, o enderezo que se inclúa na solicitude deberá ser, necesariamente, nalgún concello de Galicia.

e) A duplicidade dunha solicitude dará lugar á inadmisión de ambas e a persoa solicitante quedara fóra do sorteo.


A presentación da solicitude implica a aceptación das normas deste procedemento.

 

PRAZOS

Presentación de solicitudes

Sete días hábiles que comezarán a contar a partir do día seguinte ao da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia.

Comprobación da correcta mecanización da solicitude e consulta do número de expediente

A persoa interesada deberá comprobar, nesta páxina web, a correcta mecanización da súa solicitude, co fin de emendar os erros detectados. Nesta páxina aparecerá un enlace para consultar o número de expediente asignado á persoa menor solicitante e os datos da solicitude. Para ter acceso a estes deberase incluír o número do DNI da persoa proxenitora ou titora que cubriu a instancia, así como a data de caducidade dese DNI.

Emenda de erros nas solicitudes

Se as persoas interesadas detectan algún erro nos datos mecanizados ou non atopan a solicitude, deben chamar a calquera dos números de teléfono que aparecen no anexo IX da orde, de información sobra a convocatoria. A comunicación dos erros deberá efectuarse, como data límite, ata tres días hábiles antes do sinalado para a realización do sorteo. Unha vez transcorrido ese díanon procederá reclamación ningunha.

Sorteo público ante notario/a

O día, hora e lugar de realización do sorteo anunciarase nesta páxina web de xuventude www.xuventude.xunta.es.

Presentación da documentación das persoas participantes seleccionadas

Nos cinco días hábiles contados desde o seguinte ao da realización do sorteo.

Chamadas ás persoas participantes en listaxes de espera

A apertura da fase de reservas publicarase nesta páxina web www.xuventude.xunta.es


Adxudicación das prazas en resultas

As prazas de resultas estarán expostas nesta páxina web www.xuventude.net, onde se anunciará a apertura desta fase.

 

ADXUDICACIÓNS DE PRAZAS

A adxudicación pode ser:

Por adxudicación directa, no caso de que a demanda non supere o número de prazas dispoñibles.

Por sorteo, por medios informáticos, no suposto de que o número de solicitudes supere o número de prazas dispoñibles. Efectuaranse dous sorteos independentes segundo o procedemento polo que se solicite (o xeral ou o de prazas reservadas para inclusión).

Mediante este sorteo cubriranse as prazas que se especifican no Anexo I (alíneas A, B e C).

Así mesmo, dará lugar a unha lista de espera para cada unha das actividades. Cada participante formará parte unicamente dunha lista de espera para un campamento concreto, de entre os que solicitou entre as cinco quendas ou actividades. O número de reservas en cada actividade será do 50% das prazas convocadas. Xerarase a lista de espera tanto no sorteo de prazas do procedemento xeral como no específico de prazas reservadas para inclusión.

O resultado do sorteo publicarase nesta páxina web http://xuventude.xunta.es/no prazo máximo de 2 meses dende a publicación da convocatoria.

Para os efectos desta publicación e en virtude da normativa de protección de datos persoais, as persoas admitidas virán identificadas exclusivamente polo número de expediente asignado pola aplicación informática de xestión do procedemento. Procederase do mesmo xeito respecto das persoas incluídas nas listas de espera. O número de expediente asignado á persoa menor solicitante poderase comprobar no enlace dispoñible nesta web para consultar os datos da solicitude.

 

DOCUMENTACIÓN QUE DEBEN PRESENTAR AS PERSOAS PARTICIPANTES SELECCIONADAS

As persoas admitidas deberán presentar a seguinte documentación:

  • Xustificante do pagamento

  • Copia do DNI da persoa menor. Se non ten DNI deberá achegar a copia do libro de familia.

  • Copia da tarxeta sanitaria ou seguro médico privado.

  • Cuestionario de saúde e autonomía persoal e declaración de saber nadar (anexo VI). As persoas con discapacidade deberán facilitar neste documento a información actualizada que permita valorar os apoios específicos que precisa, de ser o caso.

  • Declaración sobre a autorización para a captación de imaxes (anexo VII)

  • Declaración responsable sobre a Covid-19, conforme ao modelo que se publicará nesta páxina web, de ser o caso.

 

No caso de persoas con discapacidade, ademais:

  • certificado acreditativo do grao de discapacidade, cando non fose expedido na nosa comunidade autónoma ou se opoña a súa consulta, e a copia do ditame técnico facultativo emitido polo equipo de valoración e orientación correspondente.

Lugares de presentación da documentación: A documentación deberá dirixirse á xefatura territorial da Consellería de Política Social da provincia onde se vai a desenvolver a actividade.

No caso de intercambios noutras CCAA, a documentación dirixirase á Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.

Prazo de presentación da documentación: cinco días hábiles que comezarán a contar desde o día seguinte ao da realización do sorteo.

 

ADXUDICACIÓN DE PRAZAS ÁS LISTAS DE ESPERA

As vacantes que se produzan por non presentar a documentación, por presentala fóra do prazo establecido ou por renunciar á praza obtida no sorteo, serán ofrecidas na fase de reservas dos respectivos procedementos (xeral ou de prazas reservadas para inclusión) ás persoas solicitantes que figuran nas listas de espera correspondentes.

No caso de que se produzan baixas, a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado ou o servizo de xuventude correspondente contactarán, seguindo a orde de lista, coas persoas da lista de espera mediante unha chamada telefónica ao número indicado na solicitude.

Realizaranse 3 chamadas entre as 9.00 e 14.00 h, que serán rexistradas para a constancia da súa realización. De non contactar coa persoa interesada, esta será dada de baixa e chamarase á seguinte na lista de espera. Unha vez recibida a comunicación e aceptada, na mesma chamada telefónica,a praza ofrecida, deberán presentar a documentación sinalada no artigo 8 da orde reguladora nun prazo de 2 días hábiles.

No caso de non presentar a mencionada documentación no prazo indicado, a praza ofreceráselle á seguinte persoa da lista de espera.

A apertura da fase de reservas publicarase nesta páxina web de xuventude www.xuventude.xunta.es

 

ADXUDICACIÓN DAS PRAZAS DE RESULTAS

As prazas que non se cubrisen polos procedementos de adxudicación expostos anteriormente serán ofertadas na fase de resultas a calquera solicitante que as demande e reúna as condicións e requisitos esixidos na orde reguladora para participar na convocatoria.

Estas prazas estarán expostas nesta páxina web www.xuventude.xunta.es, onde se anunciará a apertura da fase de resultas. A oferta de prazas actualizarase en tempo real nesta páxina web, en función das prazas que vaian quedando dispoñibles.

Para solicitar as prazas de resultas, a persoa interesada deberá efectuar a oportuna reserva da praza, no caso de que existan vacantes,por medios electrónicos mediante a presentación dun formulario en liña, conforme se indicará nesta páxina web xuventude.xunta.es

As prazas de resultas adxudicaranse por orde de recepción da solicitude.

Se a persoa solicitante figurase na lista de espera dalgún campamento, deberá comunicalo na solicitudepara, de ser o caso, dala de baixa nesa lista antes da adxudicación da praza solicitada en resultas.

A reserva de praza deberá facerse de maneira individual, para un único solicitante.

No caso de que cada solicitante poida optar a máis dun campamento, en función do ano de nacemento, poderá facer a reserva de, como máximo, tres prazas por orde de preferencia.

Unha vez comprobada na aplicación informática a dispoñibilidade da praza solicitada, asignarase esta á persoa interesada e comunicarase mediante correo electrónico ao enderezo indicado na solicitude, que disporá dun prazo máximo de dous días hábiles para presentar a documentación relacionada no artigo 8.

No caso de non aceptar a adxudicación, deberá indicalo contestado ao correo electrónico de comunicación da adxudicación, no prazo de dous días.

A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica, na Sede electrónica da Xunta.

Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

 

PREZOS

Os prezos de aplicación para cada actividade e quenda aparecen detallados no anexo I (alíneas A, BeC) da orde de convocatoria, fixados conforme á Orde do 1 de abril de 2016 pola que se fixan os prezos privados correspondentes á prestación de servizos nas instalacións xuvenís e á expedición de carnés dirixidos á mocidade, xestionados pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.

DESCONTOS:

  • 50% para as persoas membros de familia que teñan o título de numerosa.

  • 50% para as persoas membros de familias que teñan o certificado de recoñecemento da condición de familia monoparental expedido pola Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica da Consellería de Política Social.

  • 25% para as persoas usuarias do Carné Xove. Para poder aplicar o desconto a persoa beneficiaria deberá ser titular do Carné xove, vixente, no momento de efectuar o pagamento.

 

Os descontos citados en ningún caso serán acumulables.


Para os efectos da aplicación destes descontos, as persoas solicitantes deberán indicar na súa solicitude, marcando o recadro correspondente do formulario, se teñen ou non o título de familia numerosa, o
certificado de familia monoparental ou o Carné Xove, para que a Administración o poida comprobar con posterioridade.No caso de que se opoñan a esta comprobación no formulario de solicitude, deberá achegarse a copia do título vixente de familia numerosa, do certificado de familia monoparental ou a do carné Xove, segundo o desconto aplicable.

 

DEVOLUCIÓN DE COTAS

Se unha vez obtida a praza por calquera dos procedementos de adxudicación e aboado o prezo correspondente, a persoa interesada non puidese asistir á actividade, só terá dereito á devolución deste nos casos e polas causas seguintes:

a) Renuncia á praza comunicada por escrito sempre e cando solicite a devolución da cantidade aboada polo menos sete días hábiles antes do inicio da actividade.

No caso de prazas adxudicadas en fase de reserva ou de resultas e cando non concorra ningunha das outras causas recollidas neste apartado, o prazo para comunicar a renuncia e solicitar a devolución da cota será de 5 días hábiles antes do inicio da actividade, e só se admitirá a devolución de cota cando a data de inicio do campamento permita presentar a solicitude de devolución con esta antelación mínima de cinco días hábiles.

b) Anulación da actividade ou non prestación do servizo por causas non imputables á persoa interesada.

c) Ingreso hospitalario, causa médica grave ou diagnóstico positivo en Covid 19 que afecte á persoa menor e lle impida incorporarse ao campamento, que deberá acreditarse con informes médicos e/ou do hospital no que estea ingresado a persoa menor, ou coa certificación do resultado da proba da Covid 19.

d) Falecemento ou enfermidade grave dun familiar ata 2º grao. Esta causa debe estar acreditada con informes médicos e/ou do hospital onde estea ingresado o familiar, ou co certificado de defunción, de ser o caso.

e) Abandono da actividade por calquera dos motivos recollidos na letra c), sempre e cando non teña transcorrido máis do 50 por cento dos días de duración do campamento.

Serán denegadas todas aquelas solicitudes de devolución de cota que non sexan presentadas coa antelación mínima de sete días hábiles anteriores ao inicio da actividade (ou 5 días hábiles no caso de prazas de reserva ou de resultas), cando non concorra ningunha das outras causas recollidas taxativamente neste apartado (artigo 15.2 da orde reguladora).

As persoas interesadas dispoñen dun modelo normalizado de solicitude de devolución de cota de participación (anexo VIII da orde), que se poderá obter na guía de procedementos e servizos, no enderezo electrónico: https://sede.xunta.gal/guia-de-procedementos-e-servizos, na sede electrónica, no enderezo https://sede.xunta.gal e nesta páxina web.

Estas solicitudes presentaranse preferentemente por medios electrónicos accedendo a Carpeta cidadá da persoa interesada. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario/a e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

As solicitudes de devolución de cota dirixiranse á Xefatura Territorial da provincia onde se localice a actividade obxecto da solicitude, para a súa resolución pola persoa titular da Xefatura Territorial, por delegación da conselleira de Política Social.

No caso de intercambios noutras CCAA, a solicitude dirixirase á Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, por delegación da conselleira de Política Social.

 

INCORPORACIÓN AOS CAMPAMENTOS E ALBERGUES

A incorporación e a recollida das persoas participantes nas actividades de Galicia será por conta da persoa interesada nos termos que se indiquen pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado e de conformidade coas medidas de prevención indicadas polas autoridades sanitarias sobre o Covid-19, de ser o caso.

No caso de intercambios noutras comunidades autónomas, será por conta da persoa interesada o traslado desde o seu domicilio ata Santiago de Compostela ou o lugar que se sinale como punto de saída, tanto o día de ida para a actividade como o día de chegada desta.

No suposto de abandono da actividade ou expulsión da persoa participante, será responsabilidade das persoas proxenitoras ou titoras o traslado para o regreso ao seu domicilio e os gastos que se ocasionen.

 

OBRIGAS DAS PERSOAS ADXUDICATARIAS

As persoas adxudicatarias das prazas estarán obrigadas:

  • A incorporarse á actividade e regresar polos medios e nos prazos establecidos.

  • A non abandonar a actividade sen o permiso da persoa responsable. En todo caso, o abandono da actividade antes da súa finalización requirirá a presenza das persoas proxenitoras ou titoras ou persoa debidamente autorizada por estas, e será responsabilidade delas o traslado para o regreso ao seu domicilio, así como os gastos que por tal causa se ocasionen.

  • A respectar as normas establecidas polos equipos de animación, as normas de réxime interior das respectivas instalacións, as relativas ao cumprimento de medidas persoais de hixiene e prevención obrigatoria fronte á Covid-19 e, en xeral, as establecidas pola lexislación vixente na materia. Poderán ser expulsadas do campamento as persoas participantes que non respecten as citadas normas e cando o seu comportamento dificulte ou impida a convivencia.

 

ENLACES DISPOÑIBLES ( ANEXOS 2022)

Prazas ofertadas:

  • Anexo IA Campamentos de verán 2022. Campamentos en Galicia.  Galego | Castelán
  • Anexo IB Campamentos de verán 2022. Prazas reservadas a inclusión.  Galego | Castelán
  • Anexo IC Campamentos de verán 2022 Intercambio noutras comunidades autónomas. Galego | Castelán

Presentación de solicitudes:

  • Anexo II Solicitude individual. Procedemento xeral BS303A. Galego | Castelán
  • Anexo III Solicitude múltiple. Procedemento xeral BS303F. Galego |Castelán
  • Anexo IV Solicitude individual. Prazas reservadas para inclusión. Procedemento BS303G. Galego |Castelán
  • Anexo V Solicitude múltiple. Prazas reservadas para inclusión. Procedemento BS303H. Galego |Castelán

Teléfonos de información: