Campos de voluntariado: Condicións xerais

Quen pode participar?

Persoas mozas galegas residentes en Galicia con idades comprendidas entre os 18 e os 30 anos.

É obrigatorio ter os 18 anos ao inicio do campo de voluntariado e non cumprir os 31 antes do seu remate.

Que se lles ofrece ás persoas voluntarias?

campTraballo

  • Un proxecto sempre de dimensión social, na procura da mellora ambiental do noso contorno, da convivencia entre as persoas, dun mellor desenvolvemento e integración das persoas con discapacidades, dun maior coñecemento da nosa cultura e a nosa realidade.
  • Un equipo humano que os/as acollerá e lles axudará a levar a cabo o traballo programado e a dinamización do campo.
  • Os medios materiais necesarios para desenvolveren as tarefas específicas de cada campo.
  • Un programa con actividades de convivencia, de animación, de lecer e tempo libre.
  • Aloxamento e manutención durante todos os días que dure a actividade.
  • Un seguro de accidentes e responsabilidade civil

Que se lles demanda ás persoas voluntarias?

  • Participar desinteresadamente os días e horas estipuladas no proxecto que se vai desenvolver.
  • Colaborar e participar no desenvolvemento da programación das actividades de animación.
  • Contribuír á organización xeral do campo (tarefas de limpeza, cociña, administración, etc.).
  • Respectar as distintas crenzas, ideoloxías e diferenzas persoais de todas as persoas participantes do campo.
  • Permanecer no campo durante o período programado.
  • Respectar as normas de réxime interior e de convivencia propias do campo, que serán, entre outras, as seguintes:
    • Aceptar as indicacións das persoas responsables da actividade.
    • Cumprir os horarios en xeral.
    • Non utilizar vehículos particulares durante o tempo de duración do campo.
    • Non consumir bebidas alcohólicas e/ou outras substancias nocivas.
    • Non se admitirán persoas alleas ao campo.

Poderán ser expulsadas do campo as persoas participantes que non respecten as citadas normas e cando o seu comportamento dificulte ou impida a convivencia.

No desenvolvemento dos campos de voluntariado recolleranse experiencias, imaxes, fotografías, vídeos, vídeos con voz, material gráfico, etc., das persoas participantes na actividade para a súa publicación a través dos medios de difusión corporativos das iniciativas e actividades da Xunta de Galicia e as entidades pertencentes ao sector público autonómico de Galicia, tales como páxinas web, redes sociais, álbums, informes/documentos derivados da actividade e noutros medios de comunicación social.

Para estes efectos, as persoas participantes deben cubrir  a declaración sobre a autorización para a captación de imaxes, indicando se dan ou non ou seu consentimento.

Persoas con discapacidade:

As persoas con discapacidade deberán facer constar esta circunstancia no apartado que figura no formulario de solicitude, co fin de planificar os apoios persoais necesarios, se os precisase.