O coito vaxinal


O coito vaxinal consiste na introdución do pene na vaxina, facendo despois unha serie de movementos de dentro a fóra e de fóra cara dentro, ou circularmente. Xeralmente, o coito vaxinal é a culminación de todo un xogo de estimulación previa das zonas eróxenas.

Co coito vaxinal pódese chegar ao orgasmo, pero non é necesario para conseguilo. É máis, moitas mulleres non chegan a logralo cun coito vaxinal. Nestes casos, a práctica sexual pode non culminar no coito, senón que este forma parte do xogo erótico (aínda que o home poida chegar nesta fase), continuando despois, case sempre coa estimulación do clítoris.

Para o coito vaxinal podes adoptar distintas posturas: deitándote coa túa parella, enriba ou debaixo del ou dela, de lado, de pé, sentada enriba del... Todas as que se che ocorran... Proba e así poderás descubrir cal che gusta máis.

Algunhas veces, no primeiro coito, o pene rompe o hime, polo que cómpre unha penetración coidadosa, que nos ha de evitar dor e molestias.

Tamén é importante que saibas que o coito vaxinal ten risco de transmisión de infeccións e tamén de xestación, polo que é moi importante que o fagas protexéndote atendendo ás túas propias circunstancias (tipo de parella, frecuencia de relacións, etc.)