Un instinto é unha especie de forza interior que nos impulsa a actuar dunha determinada maneira para satisfacelo... polo tanto, o instinto sexual é unha forza interior, algo así coma unha acumulación de enerxía, que nos impulsa a liberala a través dunha práctica sexual. Mentres que no resto das especies animais isto funciona exactamente así, nas persoas varía un pouco, porque o instinto está mesturado con outras cousas que inflúen sobre el.
Así, entre os animais, o instinto está presente como garante da procreación e, en consecuencia, da conservación da especie, e non parece ter outra finalidade coñecida. A súa activación é biolóxica, mediada sobre todo polo aumento dunha serie de hormonas específicas, e cando esta se produce, con carácter cíclico, dá lugar ao chamado período de celo, que se traduce na busca non deliberada de parella sexual e na copulación, que ten lugar en repetidas ocasións até que cesa a activación (o celo).
Entre as persoas, pola súa vez, a activación do instinto sexual tamén ten unha compoñente biolóxica, mediada pola presenza de hormonas específicas pero, sobre todo, por algúns outros factores, como unha imaxe, un pensamento, un olor, ou un lixeiro roce, un soño... e isto é así, porque entre as persoas a finalidade da sexualidade non é unicamente a da procreación, senón tamén a da obtención de pracer, que se produce a través da liberación de enerxía da que falabamos antes.