Seguramente terás escoitado esta palabra algunha vez. Se leches algo sobre o tema, poñería que era a culminación da resposta sexual, que se producían contraccións nos órganos xenitais e no ano, que había tamén coma unhas palpitacións do corazón... Todo isto é certo, pero, sobre todo, prodúcese moitísimo pracer, é coma un estourido de gusto... sabes como estouran os fogos artificiais?, sube unha luceciña que, de pronto, se desparrama en milleiros de candeas pequenas que se espallan polo ceo?... pois algo así.
O orgasmo vén despois da meseta... ese pracer que vai subindo, subindo, que parece que necesitas cada vez máis... chega un momento en que estoura... despois xa non precisas continuar, xa non tes a necesidade de facelo... ou, mellor dito, ás veces si, hai xente que si. Na nosa cultura, sobre todo son mulleres. Despois do "estourido", nalgunhas ocasións, senten que aínda lles fai falla máis e, se continúan estimulándoas ou estimulándose, chegan a ter máis de un orgasmo.
Cando chega o orgasmo case sempre se produce a chamada exaculación, que consiste en que os mozos expulsan o seme pola punta do pene, e as mozas (moitas menos veces) expulsan un liquidiño parecido ao seme, pero sen espermatozoides. A exaculación é normal no orgasmo, pero non é imprescindíbel que se produza. O pracer non depende disto. Pero, en calquera caso, ten en conta que, nas prácticas heterosexuais, se hai penetración, hai risco de xestación e, polo tanto, conforme che dicíamos cando falábamos da meseta, se queres evitala debes usar algún método anticonceptivo seguro.
O mesmo que para que aumente a exitación e para chegar á meseta podes facer moitas cousas distintas, ou moitas cousas á vez, para chegar ao orgasmo tamén. Por exemplo, non é imprescindible masaxear o clítoris, a vaxina ou o recto, pero podes chegar ao orgasmo masaxeándoos, tampouco é imprescindible lambetear os xenitais, pero podes chegar lambeteando.