O desexo


O desexo é algo mental, sentido. Nos seres humanos, o desexo sexual ten unha serie de características que che pode interesar coñecer.

En primeiro lugar, habitualmente vai acompañado dunha atracción, que o orienta e o dirixe cara a un obxecto. Isto quere dicir que cando se produce o desexo de relación sexual, este diríxese a unha persoa concreta (obxecto), dun sexo (orientación homosexual ou heterosexual). Se a orientación do desexo varía con frecuencia, falamos de orientación bisexual.

En segundo lugar, a súa activación está mediada por múltiples factores, desde os biolóxicos até os psicolóxicos e sociais, que o modulan no sentido de desencadealo ou inhibilo. Así, o desexo pode ser estimulado, ademais de pola intervención hormonal, por determinados olores, polo contacto coa pel do corpo, especialmente de determinadas partes deste, ou a visión de determinadas imaxes... e mesmo pola súa evocación. Tamén pode resultar inhibido por diversos factores (fatiga, estrés, visión ou evocación de determinadas imaxes, etc.).

É moi importante que saibas que o desexo sexual non sempre se identifica como tal. Por exemplo, ocorre ás veces que dúas persoas se están pelexando entre elas (discuten, provócanse, mesmo se poden chegar a empurrar...), cando, en realidade, o que lles pasa é que se atraen e probablemente teñen ganas de agarimarse, de tocarse...pero elas mesmas non son conscientes do que lles pasa... non saben identificar o desexo... e o malo disto, é que non o poden satisfacer.

Polo tanto, debes ter en conta, que o desexo non sempre se satisfai. Neste sentido, o aparato afectivo das persoas, especialmente no que se refire ás súas actitudes cara á sexualidade, pode propiciar que se reprima e se convirta noutra cousa (como no caso anterior), que se pospoña ou mesmo que, sabendo que se ten, se reprima a conduta sexual necesaria para satisfacelo. Tamén pode ser que o desexo se dirixa "cara a outro lado", provocando que a persoa invista a súa enerxía sexual noutras cousas, por exemplo facendo deporte, berrando, etc. (a isto, chámaselle sublimación).

Por último, o desexo sexual mestúrase con frecuencia con outro tipo de desexos, xeralmente afectivos. De feito, a propia atracción que sentimos ás veces cara a outra persoa está chea de elementos afectivos. Por exemplo, moitas veces, resúltanos difícil diferenciar o que sentimos cara a alguén que nos gusta... e non sabemos se só nos gusta, se lle queremos, se sentimos admiración... ou unha mestura de todo á vez. Como consecuencia desta especie de confusión, non sabemos realmente como nos gustaría satisfacelo: é frecuente que o pracer sexual estea asociado a elementos como a comunicación, a tenrura, etc., todos eles propios e peculiares da especie humana e situados no ámbito afectivo-emocional.