A meseta

Se, conforme che diciamos antes, te deixas levar pola excitación, esta vai aumentando, o coxegueo é cada vez máis forte, dá máis gustiño... necesitamos máis. Todo isto chámase meseta. Pode ir aumentando cada vez máis, pódese manter un ratiño na mesma intensidade, pode oscilar, tendo altos e baixos, pero sempre é bastante intensa a sensación de pracer (se che apetece, mira as montañas rusas).

O gustiño que che daban as caricias, deixa paso á necesidade de algo "máis forte", por exemplo, masaxes no clítoris e nos pezóns, ou no pene, ou lambetadas nos mesmos sitios, ou tamén a introdución dos dedos na vaxina, masaxeando con eles a parte de diante desta, ou no ano, masaxeando tamén a parte de diante do recto. Isto fai que a sensación de pracer vaia en aumento. Algunhas veces, tamén se pode chegar á penetración, é dicir, á introdución do pene na vaxina ou no ano, facendo movementos de dentro a fóra, ou cara aos lados, ou como facendo un círculo.

Todo isto dá moitísimo gustiño, moitísimo!!, e só temos que che dicir, que se a práctica é heterosexual e hai penetración, debes ter coidado, porque case sempre, o mozo, expulsa pola punta do pene un liquidiño (chámase líquido preseminal), que non é aínda a exaculación, pero que pode levar algúns espermatozoides. Polo tanto, hai risco de xestación que, por suposto, podes evitar utilizando un método anticonceptivo.