A excitación


Algunhas veces, a excitación sexual prodúcese sen ter sentido previamente un desexo, e as primeiras veces que isto acontece, non é doado identificala como tal excitación... É un conxunto de sensacións físicas, que se producen independentemente da nosa vontade; por exemplo, sentimos unha mestura de presión e coxegueo na zona xenital... cunha froxeira nas pernas, que dá moito gustiño. Cando a sintas, déixate levar...

Tamén pasan outras cousas, como a erección, que nas mozas é do clítoris e nos mozos do pene, e en ambos os dous tamén dos pezóns... hai coma unha especie de pel de galiña moi agradable (distinta, por suposto, de cando tes frío), á vez, as mozas lubrican, é dicir, segregan un liquidiño que humidece a vaxina e a vulva.

Cando che pasen cousas deste tipo, xa sabes, estás excitada ou excitado. Pero... que podes facer?... pois volvemos ao de antes. Hai xente que o deixa pasar até que desaparece esa sensación, e hai outra xente que prefire continuar, e como se continúa? De moitas maneiras: por exemplo, acariciándo as zonas do corpo que che apeteza (pezóns, a pel da barriga, a dos muslos, a zona xenital)... e deixándote levar pola sensación, que case sempre vai en aumento e dá moito gusto... e se todo isto o fas deixando voar a imaxinación, moitísimo mellor.

Só queremos engadir, que a todo isto lle chamamos masturbación e que a cada quen lle gusta dunha maneira: pensando en algo ou en alguén do mesmo sexo ou do outro, vendo algunha imaxe que che aumente o coxegueo, con unha música determinada, con algún olor concreto, acariñando unhas zonas ou outras... ou con todo isto á vez. É cuestión de que te vaias coñecendo a ti mesma ou a ti mesmo, para saber cales son as cousas que máis che gustan.

Pero tamén pode ocorrer que no momento en que notas a excitación teñas perto a alguén que che gusta; é dicir, que teñas o teu desexo orientado cara a alguén, verdade?. Pois, neste caso, se á outra persoa tamén lle gustas tí (cousa que ocorre moitas veces), pois podedes facelo todo a medias: acariciándovos mutuamente onde máis vos guste; e a isto tamén se lle chama masturbación.

Sabías que tamén te podes excitar durmindo? Pois si, podes. De feito isto ocorre con frecuencia, o malo é que moitas veces non nos damos de conta. Por exemplo, cando un mozo ten o que chamamos "polucións nocturnas", é porque realmente se produciu unha resposta sexual, pero el decátase unicaemnte cando esperta e ve a mancha de seme.