A resposta sexual

Enténdese por resposta sexual un conxunto de cambios fisiolóxicos e psicolóxicos que se producen como consecuencia da activación do desexo e da habilitación da conduta necesaria para satisfacelo.
A resposta sexual humana foi explicada por Wilhem Reich aló polo ano 1930. Máis adiante, en 1960, Masters e Johnson presentaron os resultados de aproximadamente 10.000 situacións de resposta sexual. A súa análise permite incorporar á teoría de Reich algúns elementos que a complementan; por exemplo, que o esquema da resposta non é exactamente igual nos homes que nas mulleres, aínda que as fases en que se desenvolve son as mesmas. Poucos anos máis adiante, Helen Kaplan realizou tamén unha serie de investigacións nesta liña, complementando coas súas achegas as teorías anteriores.

En calquera caso, todas elas amosan as coincidencias necesarias como para que as poidamos refundir. Resumindo: cada vez que se produce a activación do instinto sexual, emerxe o desexo que promove unha serie de prácticas sexuais, a través das cales vai aumentando progresivamente a tensión inicial (excitación), até que chega a unha cota (meseta), para a partir de aí ser liberada súpetamente (orgasmo), que na muller pode ser múltiple e hai quen indica que no home tamén, deixando paso a unha diminución progresiva dos cambios producidos (resolución), que na muller adoita prolongarse máis que no home.

Durante todas e cada unha destas fases prodúcense unha serie de cambios fisiolóxicos que as caracterizan pero, sobre todo, hai unha experimentación subxectiva de pracer que vai aumentando conforme aumenta a excitación, que ten a súa cota máis alta no momento do orgasmo, e que remata despois da resolución, deixando paso a unha sensación tamén pracenteira e derivada da liberación da tensión acumulada e, en definitiva, da satisfacción do desexo... aínda que este modelo non sempre se produce en idénticos termos, e non por iso deixa de ser satisfactorio. Por exemplo, algunhas veces na excitación prodúcense altos e baixos, ou non existe a meseta como tal, ou prodúcense varios orgasmos... etc.