| A Escola Galega de Xuventude que coordinará as ensinanzas dos centros de tempo libre estará en marcha a finais de ano |
|
|
| Mercores, 15 Febreiro 2012 17:24 |
A Escola Galega de Xuventude, un órgano especializado na educación non formal relacionada coa mocidade, porase en marcha a finais deste ano. O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, explicou hoxe as vantaxes desta iniciativa aos directores das preto de 40 escolas inscritas no Rexistro de Escolas de Tempo Libre de Galicia, nunha xuntanza que mantiveron en Santiago. O director xeral avanzou que a posta en marcha da Escola Galega de Xuventude é unha actuación que vén recollida na Lei Galega de Xuventude que xa aprobou o Consello da Xunta. A escola velará polo nivel técnico das ensinanzas impartidas polas escolas de tempo libre, como centros de formación, perfeccionamento e especialización de mozos e mozas educadores nas actividades e técnicas do tempo libre. A escola porase en marcha unha vez que se aprobe o decreto que regulará o seu funcionamento, un documento que, segundo destacou Rodeiro, redactarase en colaboración coas entidades xuvenís de tempo libre. Na reunión, informouse, ademais, da fórmula para obter os certificados de profesionalidade e as cualificacións profesionais no ámbito das actividades de tempo libre infantil e xuvenil e as súas repercusións na actividade das escolas de tempo libre como centros de formación. Neste senso, técnicos da Dirección Xeral de Formación e Colocación explicaron que o Catálogo Nacional de Cualificacións Profesionais regulará a titulación de monitores e directores de tempo libre. En concreto, estas categorías contarán con certificados de profesionalidade e se incluirán nas modalidades de dinamización de actividades de tempo libre educativo infantil e xuvenil e de dirección e coordinación de actividades de templo libre educativo infantil e xuvenil. Rodeiro incidiu en que o regulamento de ambas especialidades suporá a posibilidade dos mozos e mozas ao acceso de certificados de profesionalidade que lles permitirá que a súa titulación teña validez para traballar como monitores e directores a nivel estatal e nun futuro tamén a nivel europeo. Así mesmo, Rodeiro informou aos directores de escolas de tempo libre das novidades que suporá a actualización e adaptación do decreto 50/2000, do 20 de xaneiro, de xuventude á directiva de servizos da Unión Europea. O director xeral destacou que implicará unha simplificación de 6 a 2 meses dos procedementos administrativos en materia de xuventude, como a redución da tramitación de actividades vinculadas á mocidade. “Simplificaremos e flexibilizaremos os procedementos para recoñecer as distintas tipoloxías de instalacións e axilizaranse as expedicións dos títulos de monitores e directores de tempo libre”. Por último, Rodeiro explicou que o departamento autonómico está a piques de convocar o Plan de Formación no eido de templo libre para esta ano. |




