Xuventude organiza o 28 de febreiro a segunda edición do programa ‘Emprega talento’ para promover o emprendemento entre a mocidade PDF Imprimir
Domingo, 12 Febreiro 2012 00:00

TALENTOA Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado convocará este ano a segunda edición do programa ‘Emprega talento’ para achegar aos mozos e mozas ao mundo directivo. A data elixida para celebrar o encontro, ao que poderán asistir ata un máximo de 200 mozos e mozas, será o próximo 28 de febreiro no Parque Tecnolóxico de Galicia, en San Cibrao das Viñas (Ourense). O prazo de inscrición para participar na iniciativa xa está aberto e rematará o próximo 24 de febreiro. Pode facerse a través da web de Xuventude, http://xuventude.xunta.es/. (http://xuventude.xunta.es/201202096411/ii-programa-de-emplea-talento-para-o-achegamento-dos-mozos-e-mozas-ao-mundo-directivo.html ). 

O acto celebrarase en colaboración coa Asociación para o Progreso da Dirección (APD).

O obxectivo do programa ‘Emprega talento’ é ofrecer á mocidade unha alternativa para detectar oportunidades laborais e promover novos proxectos empresariais, así como o espírito emprendedor dos mozos e mozas do espazo transfronteirizo. O que se pretende é establecer un punto de encontro entre as empresas e os mozos e mozas para que o talento da xente quede no territorio da nosa comunidade autónoma.

‘Emprega talento’ é, polo tanto, un espazo de encontro, coñecemento, información e de formación en habilidades, e, sobre todo, en relacións. Trátase dun espazo aberto cara á empregabilidade dos mozos e mozas, así como para a creación de oportunidades mediante o intercambio e a posta en común de ideas.

Así, este encontro servirá para a posta en contacto da xente nova coa realidade empresarial actual. Converterase nunha mostra das demandas das empresas no momento de selección dos seus profesionais e futuros directivos e promoverá a participación, o intercambio de ideas e a colaboración entre os mozos e mozas e os directivos.

‘Emprega talento’ inspírase no formato Afterwork, creando un escenario participativo e distendido. A xornada, que se iniciará ás 16,45 horas, desenvolverase en catro bloques titulados: ‘Os valores do deporte á hora de emprender’; ‘A aula á empresa; aprender a emprender’; ‘Os mozos de hoxe, directivos de mañá’; ‘En novos tempos, novas habilidades directivas’.

Durante unha tarde os mozos serán partícipes en relatorios sobre liderado, talento, valores, traballo en equipo, experiencia, éxitos e fracasos, motivación ou innovación, ao tempo que poderán ser parte activa en coloquios con deportistas, nunha mesa redonda con directivos de recursos humanos de distintas empresas, así como locutor nunha conversa estratéxica con directivos de distintas empresas galegas.

Para finalizar a xornada, o programa desenvolverase no Espazo Ágora, un punto de encontro, onde se permitirán as relacións, o intercambio de ideas, a información e o coñecemento a través de actividades paralelas. Tamén será un espazo de asesoría, onde se ensinará a como presentar un currículo ou como afrontar unha entrevista laboral.

Este programa forma parte do proxecto Emprende, financiado polo programa de cooperación transfronteiriza Galicia – Norte de Portugal (POCTEP), que ten como obxectivo principal fomentar a creación de empresas, de emprego e autoemprego para mozos e mozas, promovendo actividades que convertan o espazo de cooperación transfronteirizo nun marco atractivo para novas actividades económicas e empresariais.

 

 

Ir atrás    Ir arriba