Un total de 14 equipos de mozos e mozas de toda Galicia participan na semifinal de Parlamento Xove PDF Imprimir
Sábado, 11 Febreiro 2012 00:00

PARLAMENTOXOVEUn total de 14 equipos de 12 centros de ensino de toda Galicia participarán hoxe na Deputación da Coruña na primeira semifinal de Parlamento Xove, un proxecto da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, da Consellería de Traballo e Benestar, que pretende potenciar o diálogo como ferramenta para argumentar as ideas propias entre a mocidade galega.

Trátase dunha competición entre centros de ensino da comunidade autónoma, na que os participantes de cada equipo (formados por catro alumnos e un profesor) investigarán, escribirán e, finalmente, debaterán sobre o tema proposto pola organización. Inclúese tamén a elaboración de artigos en blog e a realización dun dossier de investigación sobre o tema tratado.

Nesta primeira semifinal participarán un total de 14 equipos de 12 centros de ensino de toda Galicia: o IES A Pingüela de Monforte de Lemos; o IES Arzobispo Xelmírez II de Santiago de Compostela; La Salle de Santiago; o IES Virxe do Mar de Noia; o IES Melide; o Colexio Divina Pastora Franciscanas de Ourense; o IES Saturnino Montojo de Ferrol; o IES Cidade de Antioquía de Xinzo de Limia; o IES Fene, o IES Tirso de Molina de Ferrol; o IES Laxeiro de Lalín que participa con dous equipos, así como o Colexio Compañía de María da cidade da Coruña.

O tema de debate proposto para esta edición do Parlamento Xove é a análise do papel da xuventude no contexto mundial actual e a reflexión que se busca é se esa mocidade vai cara un modelo máis participativo ou máis individualista.

A cuestión da participación social da mocidade está de plena actualidade e faise necesario unha fonda reflexión, para a que se pode atopar inxente información tanto cara un posicionamento coma cara outro.

A segunda semifinal terá lugar o vindeiro 25 de febreiro, tamén na Deputación da Coruña, no que debaterán outros 16 equipos. Dos 30 equipos que participan nestas dúas semifinais, 8 serán os que debaterán na final que descorrerá o 17 de marzo no hemiciclo do Parlamento de Galicia.

Nova fase de formación
Unha das novidades desta edición de Parlamento Xove foi a incorporación dunha nova fase de formación para os equipos inscritos, que se desenvolveron en varias fins de semana de decembro e xaneiro en Santiago, A Coruña, Lugo, Ourense e Vigo. Neste curso os alumnos participantes recibiron coñecementos de oratoria enfocada ao funcionamento dos campionatos escolares de debate.

Parlamento Xove, como actividade na que participa alumnado e profesorado de centros educativos, contribúe ao desenvolvemento de numerosas competencias básicas: competencia lingüística, nos seus catro ámbitos (expresión oral e escrita; e compresión oral e escrita); competencia matemática; tratamento da información e competencia dixital; competencia social e cidadá; competencia cultural e artística; e competencia para ‘aprender a aprender’ e iniciativa persoal.

Este ano realizarase unha competición paralela de carácter experimental para alumnos de 3º e 4º de ESO durante o mes de abril. En anos anteriores, os alumnos de Secundaria participaban xunto cos de Bacharelato, pero as diferentes idades traían consigo diferenzas moi importantes na competición, polo que este ano tense decidido realizar unha competición paralela para estas idades.

 

 

Ir atrás    Ir arriba