Programa Aula Xuventur PDF Imprimir
Venres, 10 Febreiro 2012 08:39
FOTOA Dirección xeral de Xuventude e Voluntariado pon en marcha o programa AULA XUVENTUR para os centros de ensino galegos. Poderá participar o alumnado de 1.º, 2.º, 3.º e 4.º curso da educación secundaria obrigatoria (ESO), 1.º curso de bacharelato e 1.º ciclo de grao medio, que non teña cumpridos os 18 anos.

Pola súa temática, en función das idades dos participantes, estruturase en 3 módulos:

Módulo I: VIVE O MAR, dirixido ao alumnado con idades entre os 12-16 anos e que estea cursando 1.º, 2.º, 3.º e 4.º da ESO. Aloxamento: Albergue xuvenil de Sinas. 7 quendas de 2 días (do 8 de marzo ao 20 de abril).

A finalidade do programa é crear un novo marco de ensinanza lúdico-educativa, baseada na multidisciplinariedade de coñecementos e aprendizaxes sobre o medio mariño e o seu entorno.

Módulo II: MULTIAVENTURA DE CINE, dirixido ao alumnado con idades entre os 14-17 anos que estea cursando 3.º e 4.º da ESO, 1.º de bacharelato ou 1.º ciclo de grao medio. Aloxamento: Residencia Xuvenil LUG 2. 11 quendas de  3 días (do 7 de marzo ao 1 de xuño).

Busca achegar aos participantes ó cine como ferramenta de desenvolvemento de habilidades sociais, creatividade e autocoñecemento, complementado por actividades de deporte activo.

Módulo III: CAMIÑO A DURBAN, dirixido ao alumnado con idades entre os 14-17 anos que estea cursando 3.º e 4.º da ESO, 1.º de bacharelato ou 1.º ciclo de grao medio. Aloxamento: Albergue xuvenil de Gandarío. 6 quendas de 3 días (do 12 de marzo ao 9 de maio).

Durante tres xornadas organizarase un xogo de rol sobre educación ambiental, tendo como fío condutor o cambio climático, co obxecto de favorecer un achegamento ao concepto de educación ambiental e desenvolvemento sostible, sensibilizar da problemática do cambio climático, as súas causas, efectos e medidas paliativas.

O programa oferta un total de 879 prazas durante os meses de marzo a xuño.

Condicións xerais da actividade

INSCRICIÓNS E RESERVAS

A inscrición realizarase unicamente na modalidade en liña, dende esta páxina web da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado: www.xuventude.net.

A inscrición deberá realizala o centro de ensino correspondente. Non se admitirán solicitudes individuais do alumnado.

Cada módulo ten o seu formulario de inscrición específico, que se deberá ter en conta á hora de solicitar o destino para asegurarse de cubrir o axeitado.

Cada centro de ensino poderá solicitar e participar nos 3 módulos de actividades.

PRAZO DE INSCRICIÓN

O prazo de inscrición comezará o día 23 de febreiro ás 9:00 horas para todos os módulos de actividades, e finalizará unha semana antes do inicio de cada quenda. O formulario de solicitude estará dispoñible nesta páxina web, a partir do día 23 de febreiro. Non se admitirán as solicitudes cuxa data e hora sexa anterior á data sinalada como prazo de inscrición.

ADXUDICACIÓNS DAS PRAZAS

As prazas adxudicaranse por rigorosa orde de chegada das solicitudes e asignaranse ata esgotar todas as dispoñibles por módulo.

No prazo de 7 días dende o envío da solicitude, enviaráselle ao enderezo electrónico que figure no formulario de inscrición, un correo no que se confirmará, de ser o caso, a adxudicación da praza. De non recibir a comunicación de admisión no prazo de 7 días, entenderase que non se obtivo a praza.

Unha vez comunicada a adxudicación de prazas ao centro educativo por correo electrónico, este disporá dun prazo máximo de 5 días para enviar a documentación correspondente, que se sinale na comunicación de adxudicación, á Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado. No caso contrario, poderá ser excluído do programa.

 CONDICIÓNS DE PARTICIPACIÓN

Son viaxes en grupo e, en consecuencia, débense respectar os horarios establecidos, tanto para as saídas programadas como para os servizos opcionais. Así mesmo, durante o desenvolvemento da actividade deberá manterse un comportamento acorde coas normas de convivencia e un trato correcto cos demais participantes e co persoal da organización.

Durante a estadía nos aloxamentos, respectaranse as normas de organización interna en cada un deles.

As persoas organizadoras reservaranse o dereito a cambiar algunha parte do programa ou servizo. Poderá tamén cancelarse, no caso de que sexa necesario por seguridade das persoas participantes.

A realización e o desenvolvemento das actividades estará condicionada polas condicións meteorolóxicas xerais.

A Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado poderá cancelar calquera dos programas, no caso de que non exista un número mínimo de participantes.

Se calquera das persoas participantes incumpre as normas xerais que alteren o desenvolvemento normal da actividade, a persoa poderá ser expulsada do programa. Neste caso, a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado non se fará responsable da viaxe de volta da devandita persoa, nin reembolsará ningunha cantidade económica.

Será necesario levar a tarxeta sanitaria durante a viaxe.

DEVOLUCIÓN DA COTA DE PARTICIPACIÓN

Só se procederá á devolución da cota de participación cando, por causas non imputables ás persoas interesadas, o servizo non se preste ou a Administración cancele a actividade.

Toda a información sobre o programa no seguinte  DOCUMENTO PDF

SOLICITUDE CAMIÑO A DURBAN

SOLICITUDE MULTIAVENTURA DE CINE

SOLICITUDE VIVE O MAR

 


 

 

Ir atrás    Ir arriba