Un total de 15 universitarios galegos fixeron prácticas profesionais nos centros Quérote+ en 2011 PDF Imprimir
Domingo, 29 Xaneiro 2012 00:00
Qurote-mis-LOGOUn total de quince universitarios realizaron prácticas profesionais nos centros Quérote+ de Galicia ao longo de 2011, co obxectivo de completar a súa formación e obter experiencia.

Como centros multidisciplinares, os Quérote+ permiten que un amplo abano de persoas poidan acudir ao servizo para ampliar os seus coñecementos profesionais: traballadores e traballadoras sociais, psicólogas e psicólogos, educadores e educadoras sociais, ou persoas que realizan masters en xénero ou en xestión pública, entre outros.

As persoas que realizan estas prácticas descobren o traballo destes centros no día a día e participan no asesoramento que brindan á mocidade nas temáticas abordadas (convivencia, imaxe corporal, sexualidade, seguridade no uso das redes sociais, prevención no consumo de drogas); nas accións formativas (centros de ensino, escolas de nais e pais, espazos xuvenís); nos eventos na rúa (días mundiais e festividades locais); na elaboración de programas; e na xestión básica do servizo. Así mesmo, teñen praza garantida nos programas de formación para profesionais que se imparten no centro no que están realizando as prácticas.

As prácticas que se realizan teñen unha duración mínima de 250 horas, o que fai que non só se adquiran informacións e coñecementos teóricos, senón que tamén se cheguen a aplicar. Os participantes son capaces de dar resposta ao asesoramento on-line, de planificar unha programación para unha formación educativa, impartir unha sesión formativa ou dar difusión a unha campaña, entre outras actividades.
 

 

Ir atrás    Ir arriba