| Traballo financia 10 cursos de posgrao para estudantes das tres universidades galegas |
|
|
| Mercores, 25 Agosto 2010 00:00 |
|
A subvención, de 240.000 euros, concedeuse ao abeiro da orde pola que se convocaron axudas cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, para a programación de accións formativas dirixidas ás persoas traballadoras desempregadas. A formación que se impartirá será gratuíta para a totalidade do alumnado que participe nos cursos. As entidades que organicen os cursos so poderán cobrar os dereitos de matrícula. Ademais, os alumnos poderán ter dereito a percibir os gastos de desprazamento, cunha axuda de 7 euros por día lectivo de asistencia ao curso. Así, a Universidade de Ourense porá en marcha un curso de posgrao de técnico en enoturismo de 260 horas co que se pretende potenciar o desenvolvemento enoturístico de Galicia en cinco denominacións de orixe (Ribeiro, Valdeorras, Monterrey, Ribeira Sacra e Rías Baixas). Tamén desenvolverá un curso de técnico en comunicación empresarial de 170 horas, que está dirixido a mellorar as habilidades comunicativas no ámbito empresarial. Pola súa banda, a Universidade de Vigo, no campus de Ourense, realizará un curso de formación en educación ambiental de 200 horas, como complemento formativo ás diplomaturas de Traballo Social, Educación Social, Psicopedagoxía e Maxisterio. A finalidade é formar persoal cualificado para o desempeño de postos laborais en aulas da natureza, centros de interpretación do medio, granxas escolas e guías da natureza. No campus vigués, na Escola de Enxeñeiros Industriais, terán lugar tres accións formativas: de proceso de deseño de cuños, de innovación e desenvolvemento de equipos industriais e procesos de deseño de moldes de inxección. Cada unha das iniciativas terá unha duración de 200 horas, das que 150 serán de teleformación. A finalidade é atender a demanda do ámbito industrial de técnicos de produción cunha formación cada vez máis especializada nas tecnoloxías de deseño e fabricación de moldes de inxección, así como no desenvolvemento de novos produtos e fabricación mecánica. Na Facultade de Ciencias do Mar, do campus de Vigo, impartirase un curso de sistema de recirculación mariña e outro sobre cultivos auxiliares nunha Hatchery de Peixes Planos. Cada un deles, terá unha duración de 200 horas, das que 150 serán de teleformación, Con estas iniciativas aumentarase a posibilidade de contratación dos alumnos en empresas do sector pesqueiro con carencia de técnicos especializados na tecnoloxía de recirculación mariña, así como incrementar as posibilidades de inserción laboral no sector da acuicultura. Por último, a Fundación Universidade da Coruña porá en marcha un curso de habilidades directivas para mellorar a inserción laboral dos universitarios e outro de orientador ocupacional para afondar na capacitación profesional dos posgraduados para o exercicio de tarefas propias do perfil laboral de técnico de emprego ou técnico en orientación ocupacional. Cada un destas accións terá unha duración de 160 horas, das que 60 serán de teleformación. |




Un total de 10 cursos de posgrao que organizarán as universidades galegas e entidades vinculadas a elas serán financiadas pola Consellería de Traballo e Benestar, unha iniciativa coa que se formará a un total de 150 alumnos, prioritariamente desempregados que estean inscritos no Servizo Público de Emprego de Galicia.