Os voluntarios do Camiño xa atenderon a máis de 35.000 peregrinos PDF Imprimir
Mercores, 25 Agosto 2010 00:00

logovoluntariadoO Programa Voluntariado Xacobeo 2010, que puxo en marcha a Xunta de Galicia este ano, con motivo da celebración do Ano Santo, está a ter moita aceptación entre os peregrinos. Así, os voluntarios locais e europeos que forman parte desta iniciativa, que lidera a Dirección Xeral de Xuventude, atenderon durante os meses de maio e xuño a máis de 35.000 persoas. O labor dos voluntarios non só consiste en ofrecer aos peregrinos a información que precisan en cada momento, senón que, ademais, desenvolven unha programación dinámica e diversa.

Este programa abrangue os distintos aspectos da peregrinación no coidado e atención dos peregrinos, incluíndo, para elo, ata cinco iniciativas diferentes nas que participaron ata a data un total de 850 voluntarios: o voluntariado local, Eu Camiño, o voluntariado da sabedoría, o sanitario e os campos de traballo. Se estás interesado en formar pate deste proxecto ou ter máis información, podes chamar ao 900 400 800.

Por unha banda, os 503 integrantes do voluntariado local, que están distribuídos nos distintos camiños, atenderon a máis de 5.300 peregrinos ao longo de maio e xuño. Este plan atópase operativo desde Semana Santa e para tomar parte do mesmo é preciso realizar un curso de formación on-line.

 A iniciativa organízase en tres modalidades: o voluntariado informativo, cultural e de servizos ofrece basicamente información a través duns puntos fixos situados nos concellos de Cebreiro, Triacastela, Sarria, Portomarín, Palas de Rei, Melide, Arzúa e O Pino (do Camiño francés); Tui, A Guarda e Pontevedra (no Camiño portugués); Padrón pola ruta de Arousa; Laza, Ourense, Xunqueira de Ambía e Lalín pola Vía da Prata; Ribadeo e Vilalba do Camiño do Norte; Lugo polo Camiño Primitivo; Mesía polo Camiño inglés; e, por último, Negreira e Fisterra, os concellos representantes do Camiño de Fisterra.

 O voluntariado de información móbil ao pé do camiño patrulla os tramos das diferentes rutas con funcións informativas, de acompañamento e de asistencia aos peregrinos. Dentro da modalidade de voluntariado local tamén está o acompañamento a grupos a través do que se atenderon a máis de 860 peregrinos de 12 entidades.

 ‘Eu Camiño’ é a segunda modalidade da iniciativa ideada por Xuventude para o Xacobeo e a máis novidosa, xa que é a primeira vez en Galicia que voluntarios internacionais forman parte dun Ano Santo, para garantir que os peregrinos atopen atención en diferentes idiomas ao longo do Camiño francés. Ata o mes de xuño foron preto de 30.000 as persoas que utilizaron este servizo.

Os 30 participantes desta iniciativa proceden de 19 países diferentes da Unión Europea (Austria, Bélxica, Estonia, Finlandia, Francia, Alemaña, Grecia, Hungría, Italia, Letonia, Lituania, Luxemburgo, Holanda, Noruega, Malta, Polonia, Portugal, Reino Unido e Romanía).

No mes de outubro, os voluntarios avaliarán e clasificarán o material gráfico que están a recoller para preparar un documental en vídeo, unha exposición fotográfica e unha publicación sobre a súa experiencia no Camiño co obxectivo de difundir nos seus países de orixe. Desta forma, contribuirase a dar a coñecer o fenómeno do Xacobeo por Europa.

O voluntariado da sabedoría

A terceira das iniciativas que forma parte deste programa específico para o Xacobeo 2010 é o voluntariado da sabedoría na que na actualidade están a participar 120 persoas ao longo do Camiño francés. Os voluntarios son persoas maiores de 65 anos, os máis sabios do lugar, que por este motivo son os encargados de contar aos peregrinos as súas experiencias e vivencias a través de lendas, contos, cantigas e historias que coñezan.

 Os campos de traballo no camiño é a cuarta das categorías do programa, que persegue fomentar a convivencia, a participación, a tolerancia e a solidariedade a través da colaboración en traballos culturais e etnográficos, de animación, ambientais e arqueolóxicos. Este plan está dirixido tanto a voluntarios de Galicia, como de outras comunidades autónomas e mesmo do estranxeiro. O obxectivo principal é que os participantes nos campos coñezan o que significa o camiño, a súa realidade, a través da convivencia entre eles mesmo e cos peregrinos. Na actualidade, estase a celebrar o campo de traballo na localidade do Pino, que conta con 20 voluntarios.

 Por último, a quinta modalidade do programa é o voluntariado sanitario. Desde xullo e ata o próximo mes de setembro un total de 40 persoas están a colaborar cos profesionais dos centros de saúde de atención primaria que ten o Servizo Galego de Saúde ao longo do Camiño francés. Para poder participar nesta iniciativa, os mozos e mozas tiveron que realizar un curso de formación teórico-práctico de 90 horas para poder atender as continxencias sanitarias dos peregrinos durante o seu percorrido polo Camiño de Santiago.

 

 

Ir atrás    Ir arriba