O martes remata o prazo para inscribirse nas probas de clasificación das escolas oficiais de idiomas PDF Imprimir
Luns, 07 Xuño 2010 10:38
Tags: Ensino
A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria está a mellorar e axilizar os trámites para a admisión e matriculacións de alumnos nas Escolas Oficiais de Idiomas (EEOOII), polo que este ano adianta as probas de clasificación quen teñan coñecementos previos dun idioma e desexen amplialos estudando nestes centros. Así, os que estean interesados en presentarse a estes exames deberán formalizar a súa inscrición ata o 8 de xuño nas correspondentes Escolas Oficiais de Idiomas.

Estas probas, que viñan realizándose en cursos pasados no mes de setembro, adiantan a súa celebración co fin de mellorar a xestión e matriculación do alumnado. Deste xeito, a Consellería de Educación continúa a apostar pola rede de centros configurada por 11 Escolas Oficiais de Idiomas, das que dependen 18 seccións. Non en balde, estes centros ofrecen unha formación especializada en linguas destinada á poboación adulta en xeral. De feito, as EEOOI españolas son as únicas institucións de ensinanza pública de linguas con capacidade certificadora de toda a Unión Europea

As medidas xa adoptadas pola Consellería de Educación para mellorar a oferta de ensinanza de idiomas, no presente curso 2009-2010 o alumnado das EEOOII galegas e as súas seccións ascendeu a 26.582, aumentando globalmente en 3.351 alumnos fronte ao curso anterior.

Datas das probas
As probas de clasificación constan dunha parte escrita e dunha parte de comprensión e expresión oral, e serán administradas en dúas sesións distintas, sendo a escola oficial de idiomas quen estableza o calendario das probas orais. As partes escritas terán lugar entre os días 10 ao 17 de xuño de 2010.

Unha vez que se publique o resultado das probas, o alumnado deberá realizar a correspondente preinscrición no curso e nivel segundo o resultado das mesmas. A superación das probas de clasificación terán unha vixencia de dous cursos académicos para os efectos de formalización de matrícula oficial.

Deberá realizar a correspondente proba de clasificación o alumnado que teña coñecementos previos dun idioma e desexe matricularse nunha escola oficial de idiomas para seguir cursando na modalidade presencial nun curso distinto de primeiro, coa que poderá ter acceso directo a calquera dos cursos dos niveis básico, intermedio e avanzado dese idioma. En calquera caso, non poderá matricularse nunha proba de clasificación o alumnado que cursara estudos presenciais no curso 2008-2009 ou 2009-2010.
 

 

Ir atrás    Ir arriba